Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CELEBRACIÓN. Mozos e mozas do Centro de Educación Especial da entidade elaboraron un mural con botellas de cartón nas que estamparon lemas en clave de tolerancia, amizade, amor ou compañeirismo // Participaron tamén alumnos de colexios de Rianxo, Dodro, Lousame, Ribeira e Asturias TEXTO S. Souto

Amicos lanza 318 mensaxes de paz

O Colexio de Educación Especial que a asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos ten na parroquia de Oleiros, en Ribeira, conmemorou este venres o Día da non Violencia e a Paz, baixo o lema Lanzamos as nosas botellas para crear un mar de desexos.

Como cada trinta de xaneiro, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar. Este ano, nunha actividade que contou coa participación de alumnado do CEIP Castelao de Rianxo, do CPI Plurilingüe Eusebio Baleirón de Dodro, do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame, do CEIP Plurilingüe de Frións de Ribeira e do CP Marcos de Torniello de Avilés (Asturias), creouse nas instalacións educativas de dita entidade un gran mural.

Para elo, todos os nenos e nenas escribiron mensaxes nun total de 318 botellas. Os participantes teñen idades comprendidas entre os tres e os vinte e un anos e puxeron nas súas botellas que conforman o mural palabras como paciencia, respecto, tolerancia, amizade, compartir, amor, compañeirismo...

Ademais, nalgunhas delas víronse frases como “No a la guerra”, “Que todos los días sean días de paz” ou “Difunde la paz mediante buenos actos”, entre moitas outras.

Nuria Fernández García, responsable do CEEPR de Amicos, explicou que escolleron esta temática “porque parecíanos que, cando alguén manda unha mensaxe nunha botella, quere que o desexo que nela expresa chegue a outras persoas”.

Neste sentido, engadiu qye “non sabes onde chegará, nin quen a encontrará, pero estamos seguros de que a persoa que a reciba, vaina recoller con moita ilusión”.

No Colexio de Educación Especial de Amicos, os dezaoito nenos e nenas benefícianse dun ensino adaptado ás súas necesidades. Coa axuda dos profesionais aprenden a ser persoas independentes, focalizando a súa educación en adquirir habilidades para a vida diaria sen esquecerse dos contidos que son académicos.

O Centro de Educación Especial de Amicos está formado por oito mestres, tres especialistas en diferentes áreas, un orientadora laboral, unha coordinadora e un responsable do complexo. Atenden ós 18 alumnos de 3 a 21 anos con necesidades educativas especiais e autismo. O colexio está distribuído en catro aulas TEA e tres de necesidades educativas especiais nas que adoita haber entre dous e tres alumnos para traballar de maneira individualizada. Trece están no centro todos os días, de 09.00 a 17.00 horas, e cinco combinan a súa educación en Amicos coa dun colexio ordinario.

O obxectivo principal é traballar de forma conxunta co alumnado, as súas familias e outros centros de educación común para que cando as persoas con discapacidade finalicen a súa etapa escolar poidan ser o máis autónomas posible.

Ademais, as instalacións contan cun logopeda, unha psicóloga, unha pedagoga e unha fisioterapeuta que se encargan de dar apoio máis especializado a aquelas persoas que o necesitan, tanto na aula como en sesións individualizadas.

delegribeira@elcorreogallego.es

28 ene 2022 / 18:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.