Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Amicos saca un Galeguímetro ás rúas para buscar á persoa que máis saiba sobre Galicia

Usuarios da entidade percorren varias localidades para poñer a proba aos transeúntes // Scape Room sobre Florencio Delgado

A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos está conmemorando xa o Día das Letras Galegas dun xeito ben orixinal: buscando nas rúas á persoa que mellor coñeza Galicia na comarca do Barbanza, en Pontevedra e en Vigo. O Galeguímetro da asociación foi inaugurado en Rianxo.

O alcalde, Adolfo Muíños Sánchez, e a tenente de alcalde, Maricarmen Figueira Ares, quixeron participar nesta iniciativa que consiste en medir quen sabe máis sobre Galicia a través de preguntas de temática galega e sobre o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, o autor ó que se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

E, como eles, foron moitas as persoas que quixeron responder as preguntas, unhas ben fáciles (como cal é a capital de Galicia) e outras quizais non tanto para todos.

Os integrantes de Amicos estarán toda esta semana en diferentes localizacións do Barbanza, de 11.30 a 12.30 horas. Este martes o Galeguímetro estivo na rúa peonil de Boiro, e este mércores viaxará ata a rúa Castelao da Pobra do Caramiñal, onde concursará o alcalde, Lois Piñeiro.

Por certo: a concellería de Cultura da Pobra impulsa o Maio das Letras cunha extensa axenda dedicada a todos os públicos e facendo especial fincapé nas Letras Galegas, convertido a Florencio Delgado Guarriarán en protagonista da súa programación.

Entre as propostas deseñadas para a mocidade figuraba un Escape Room. Baixo o título Na procura do galego, estivo dirixido exclusivamente ao estudantado do IES pobrense, ao longo das xornadas deste martes e do mércores, tomando como punto de partida o dormitorio de Florencio Delgado no mesmo día en que decide saír de España.

Para completar o desafío había que descubrir diversos documentos importantes para o futuro da literatura galega. Ata o centro educativo desprazouse a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, para comprobar o desenvolvemento desta actividade e falar coa rapazada para coñecer as súas impresións.

CITAS EN NOIA E RIBEIRA. Este xoves, o Galeguímetro de Amicos estará buscando á persoa máis galega, dende as 11.30 horas, ao carón do Coliseo Noela, en Noia. E o venres será o turno de Ribeira, onde se situará no Paseo do Malecón tamén ás 11.30 e contará ca participación da tenente de alcalde, María José Sampedro Fernández, e da concelleira de Servizos Sociais, Ana Barreiro.

A semana que vén os integrantes de dito colectivo irán o mércores a Pontevedra e o xoves a Vigo para seguir buscando á persoa máis galega.

ECOBRIGADAS. Por outra banda, as ecobrigadas de Amicos iniciaron este martes os traballos de acondicionamento do río Sar, en Santiago de Compostela. A acción desenvólvese en colaboración con Viaqua, no marco do convenio asinado o pasado 14 de marzo co obxectivo de traballar conxuntamente na inclusión das persoas con discapacidade no eido da sustentabilidade. Estímase que as accións de recuperación ambiental no río Sar, e tamén no río Sarela (nas que participan 25 usuarios e usuarias das ecobrigadas de Amicos), se alonguen dous meses.

10 may 2022 / 20:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.