Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 27 enero 2023
11:50
h

Amplían chan e mercado dúas adegas da IXP Barbanza e Iria

Entre os Ríos, da Pobra, suma 4,5 hectáreas de viñas ás 2,5 que ten, e Torres Augusti, de Valga, xa vende en Alemaña e Francia

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou este mércores en Rianxo as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para impulsar a produción das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) do viño galegas.

Santé participou na segunda xornada que se celebra esta semana dentro do proxecto de cooperación Viños das IXP de Galicia para darlle un pulo ás indicacións vitícolas Ribeiras do Morrazo, Terra de Barbanza e Iria, Betanzos e Val do Miño-Ourense.

E, precisamente, dúas das catro adegas da IXP Terra de Barbanza e Iria están inmersas en importantes procesos de expansión. Así, mentres a adega Entre os Ríos, da Pobra, vén de adquirir outras catro hectáreas e media para plantar viñedos, que sumará ás 2,5 que ten na actualidade, a adega Torres Augusti, de Valga, estase abrindo mercado en Francia e Alemaña.

Na súa intervención, Inés Santé lembrou que xa se están tramitando polígonos agroforestais en Crecente, Leiro e Monterrei para aumentar o cultivo de viñedo amparado polas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro e Monterrei, respectivamente. A maiores, están xa delimitados outros polígonos que tamén poderían ter entre os seus usos a plantación de vides, en localidades como Larouco ou Castrelo de Miño.

Nese senso, a directora xeral animou ás IXP vitícolas a aproveitar o potencial que ofrece a Lei de recuperación (que vén de cumprir o seu primeiro ano en vigor), tamén a través doutras figuras de posta en valor, como as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta. Todo para, segundo resaltou, impulsar estas producións de calidade e aumentar as súas posibilidades no mercado.

Ao tempo, Santé tamén enxalzou o traballo colaborativo que se está a plasmar neste proxecto de cooperación Viños das IXP de Galicia, recordando que están implicados nel seis grupos de desenvolvemento rural coordinados polo GDR Pontevedra-Morrazo e quince adegas.

Este proxecto (que desenvolveu en Valga a súa primeira xornada) continuará este sábado 28 co Túnel do Viño no Pazo de Goiáns, en Boiro.

26 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.