Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Analizan en Bruxelas a creación de comunidades enerxéticas ‘solares’

As placas en terreos públicos beneficiarían ás viviendas nun radio de 500 metros // O rexedor e Señorís acudiron coa executiva socialista na procura de alternativas

Blas García, mandatario local de Ames, viaxou a Bruxelas xunto a Susana Señorís, concelleira, membro da Executiva Nacional do PSdeG e integrante da Executiva Local dos socialistas de Ames, nun desprazamento organizado pola coordinadora comarcal encabezada por Antonio Leira e o senador galego Manuel Mirás. Esta visita tivo por obxectivo coñecer mellor o funcionamento das institucións europeas e buscar solucións aos retos enerxéticos para favorecer á veciñanza maiá.

En Bruxelas, Blas García e Susana Señorís mantiveron unha xuntanza co eurodeputado e membro da Comisión de Enerxía Nicolás González Casares, co que abordaron os retos futuros derivados do escenario actual de transición enerxética. Un dos temas clave deste encontro foi explorar novas fórmulas dispoñibles para beneficiar á cidadanía dende as administracións, tanto no eido económico como promovendo sistemas de aforro enerxético a través das enerxías renovables.

Entre as diversas opcións discutidas, estimouse axeitado analizar as comunidades enerxéticas como medio para reducir a dependencia enerxética ao mesmo tempo que se xeran beneficios medioambientais. O alcalde de Ames, Blas García, sostivo que a instalación de placas fotovoltaicas en terreos públicos non só beneficiaría ao municipio maián en liñas xerais, senón tamén ás vivendas situadas nun radio de 500 metros que se sumasen a esta comunidade de subministración e distribución de enerxía.

A expedición dos socialistas de Ames, formada por Blas García e Susana Señorís, cualificou de “moi produtiva” a reunión de traballo mantida co membro da Comisión de Enerxía Nicolás González Casares. A través deste encontro, os integrantes socialistas remarcan a súa “posición firme pola sustentabilidade e pola eficiencia enerxética”, poñendo en valor o beneficio social de actuacións dirixidas a mellorar a vida dos veciños da capital maiá.

A viaxe incluíu un breve encontro coas eurodeputadas Isabel García Muñoz e Clara Aguilera, a cal forma parte da Comisión de Desenvolvemento Rural. Blas García quixo salientar os beneficios desta viaxe para Ames: “Regreso con novas ideas e propostas que se traducirán nunha oportunidade para o noso concello”, subliñaba.

CENTRO. Non hai que esquecer que, ao fío destas fontes enerxéticas, o mandatario local recibía á directora xeral de Formación, Zeltia Lado, polo interese do Concello de Ames en crear un centro de competencias para a formación, a investigación e a transferencia das distintas tecnoloxías deste sector na Unidade de Acción Formativa amesá que ten a Xunta na rúa Alcalde Lorenzo.

O obxectivo é poñer en marcha un centro para o impulso e o despregue das enerxías renovables e a eficiencia enerxética. O alcalde referíase a que “o proxecto é crear un centro de referencia de enerxías renovables para toda Galicia, que combine un espazo de formación e práctica para o alumnado e outro de exposición das enerxías renovables, para poder explicar as distintas enerxías e como é o seu funcionamento”.

O mencionado centro permitiría implementar formación para máis de dous mil alumnos ao ano en cursos (impártense 130 ano ano).

23 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.