Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Andaina e concerto De Vacas triunfan no San Isidro de Rois

A vila do Sar celebrou a festa do seu patrón cun amplo programa de actividades

O Concello de Rois celebrou a festa do seu patrón, Santo Isidro, cun amplo programa de actos que comezaron coa verbena do sábado pola noite e remataron a última hora do domingo co concerto de De Vacas, que encheu o auditorio municipal. A terceira edición da andaina popular, que se celebrou entre Urdilde e Rois con 150 participantes, xunto co concerto do grupo compostelán pola tarde, foron os máis concorridos.

Neste San Isidro, a choiva obrigou a modificar a celebración dalgúns actos, como o concerto das agrupacións da escola de música, que se celebrou no local social dos veciños de San Mamede.

A primeira hora do domingo, case 150 persoas iniciaban en Urdilde a andaina de sete quilómetros polas terras do municipio ata o campo da festa. A metade dos participantes recolleron os seus dorsais na liña de meta, e despois foron trasladados en autobús ata a praza dos pisos de Urdilde, onde comezou a terceira edición desta camiñada en honor ao Santo Isidro.

Ante a choiva, a Escola municipal de música decidiu trasladar ao local social da Asociación de Veciños de Sanmamede, xunto ao campo da festa, o seu concerto de música. Foron moitos os familiares que aplaudiron as actuacións das agrupacións de música e movemento e linguaxe musical, así como as actuacións de piano e dos conxuntos instrumentais.

A misa solemne cantada polo coro de Buxán e a tradicional procesión co Santo Isidro completaron o programa matinal do patrón de Rois.

Xa pola tarde, os xogos populares para a rapazada e a actuación de La Granja volveron a xuntar a veciñanza, sobre todo á de menor idade, no campo da festa para gozar coa boa música, os talleres de globoflexia, debuxo ou tatuaxe e outras actividades.

A música tradicional animou a algunhas das persoas asistentes a botar un baile e colleitou numerosos aplausos. As Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois, as Repeniqueiras de Urdilde ou as Pandeireteiras da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo amosaron que seguen dispostas a animar calquera festa á que sexan convidadas.

O monólogo de Pepo Suevos no campo da festa deu paso ao concerto de De Vacas. Por morda choiva, a actuación trasladouse a un auditorio municipal, que se encheu de veciños e veciñas que puideron gozar coas propostas dos grupo compostelán que puxo o broche a xornada.

19 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.