Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Andainas como útil para coñecer o patrimonio da provincia de Pontevedra

Coñecer os principais atractivos arquitectónicos da zona xa é posible grazas á colaboración entre a Deputación e a Ragba

Os pazos, mosteiros, as construcións civís, castrenses e relixiosas da provincia son os protagonistas das Rutas de Arquitectura que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para difundir o patrimonio da provincia en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes.

Nesta edición serán catro as andainas previstas, que percorrerán espazos de dez concellos da provincia e que se celebrarán os sábados pola mañá do 18 de setembro ao 9 de outubro, cun total de 100 prazas dispoñibles.

Cada un dos catro itinerarios, que se celebrarán en horario de 10.00 a 13.30 horas, contará con 25 prazas e terá como guías das mesmas ás doutoras en Arquitectura Estefanía López e Luz Paz.

Para participar é precisa a inscrición previa, que xa pode realizarse no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono co que porse en contacto.

Os percorridos arrancarán o 18 de setembro coa ruta por Pontevedra e Poio que tivo que suspenderse o pasado ano por mor da COVID, e que conducirá Estefanía López. Nela, as persoas participantes visitarán as ruínas de San Domingos, pazos urbanos e as igrexas da Peregrina e San Bartolomé en Pontevedra, así como o Mosteiro de Poio.

A segunda das andainas desenvolverase o 25 de setembro na comarca do Baixo Miño, onde tamén Estefanía López guiará este percorrido polo Mosteiro de Santa María de Oia, a igrexa de Santa María e o Castelo de Santa Cruz no concello da Guarda e a Fortaleza de San Lorenzo de Goián en Tomiño.

Doutra banda, Luz Paz ofrecerá as explicacións da ruta que terá lugar o 2 de outubro pola comarca de Caldas, nos concellos de Moraña e Catoira. Nel visitaranse o Santuario dos Milagres de Amil (Moraña), que naceu no último cuarto do século XVIII cando un labrador e arrieiro chamado Sebastián de Castro, ante a dificultade de adquirir auga para manter ós seus animais e a súa familia, encomendouse á Virxe para atopar un manantial e poder cubrir tal necesidade. Ó serlle concedido este desexo mandou tallar unha imaxe da Virxe dos Milagros no ano 1780 e que deu paso á capela que foi inaugurada en 1892.

Esta ruta tamén chegará ás Torres do Oeste de Catoira, situadas ós pés dun moderno viaducto, que cruza o río Ulla, e que foron levantadas no século XII por orde do arzobispo Xelmírez, coa misión de pechar o paso ás expedicións escandinavas e sarracenas que se querían achegar a Santiago de Compostela.

Por último, os interesados nesta actividade visitarán a ermita e a carballeira de San Cibrán de Dimo en Catoira, nas estribacións do Monte Xiabre. A capela podería ser do século XVII, segundo unha inscrición situada baixo unha ventá, pero conta con multitude de arranxos e engadidos que fai pensar que no lugar houbo un templo moito máis antigo que o actual.

Por último, o 9 de outubro a mesma guía conducirá a ruta por espazos patrimoniais na comarca do Salnés. Partirá do mosteiro da Armenteira (Meis) e continuará pola igrexa de Santa María de Dozo (Cambados) e o Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia).

24 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.