Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Animan a darlle pulos ó galego dende a escola na Maía, Santiago, Dubra e Teo

Víctor Freixanes divulgou o estudo da Real Academia da Lingua sobre prácticas lingüísticas na infancia // Avogan por implicar aos concellos na súa labor de xestión

A Real Academia Galega continúa a afondar na análise dos elementos que inflúen no abandono do galego das novas xeracións con investigacións cualitativas que permitan orientar de maneira efectiva as políticas lingüísticas para frear este proceso. E para achegar a información do seu traballo, elexiuse Ames, un dos municipios (xunto a os de Santiago, Teo e Val do Dubra) onde se centraron. Como conclusión, xa se subliña a importancia do labor nos seus colexios e institutos.

Así, o último estudo presentado polo Seminario de Sociolingüística confirma a importancia dos centros educativos, non só na súa faceta pedagóxica, senón tamén como primeiro contacto coa vida pública fóra da familia e contexto principal para a relación dos nenos e nenas cos seus iguais. Pero, ao mesmo tempo, chama tamén a atención sobre outros espazos, como os das actividades complementarias e de conciliación e as asociacións e clubs deportivos. Os resultados recóllense no volume Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, dispoñible en copia dixital (en publicacións, academia.gal).

Esta investigación vén asinada polo coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Gabino S. Vázquez Grandío e Anik Nandi, e foi desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña.

Ata o momento, a atención deste tipo de traballos centrárase no uso curricular do galego nos centros e nas familias. Estes aspectos tamén están presentes nesta investigación, mais desta volta o foco estendeuse a outros contextos, confirmando a importancia no desenvolvemento sociolingüístico de nenos e nenas das actividades extraescolares e deportivas e o papel relevante que poden desempeñar os concellos para frear a substitución lingüística.

A mostra de persoas que foron entrevistadas, de forma individual e en grupos de discusión, incluíu así, ademais de pais, nais e persoal directivo de centros de ensino, persoas responsables de asociacións e clubs deportivos, profesionais e persoas adultas usuarias de empresas que ofertan actividades de ocio e tempo libre para a rapazada e mais responsables da administración local, pola contratación deste tipo de servizos.

ÁMBITO. O ámbito territorial elixido foi a comarca compostelá atendendo, entre outros factores, ás tendencias demográficas deste territorio (marcadas por unha alta natalidade e unha mocidade relativa con respecto ao conxunto galego) e centrouse na poboación entre os tres e os doce anos de idade. Ames, Santiago, Teo e Val do Dubra foron os catro concellos implicados. A emisora de radio municipal Ames Radio foi o marco elixido para a presentación da publicación no seu magazine diario Somos Ames. O xornalista Juan Luis Silva conversou co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; co coautor do traballo, Xaquín Loredo; coa concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames, Escarlata Pampín; e co edil de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal de Teo, Ignacio Iglesias.

En concreto, os resultados visibilizan como se está a producir o proceso de substitución do galego polo castelán na infancia nos contextos familiares e extrafamiliares dos ámbitos urbano e periurbano galego e constatan que as dinámicas de desgaleguización se inician moi cedo, nos primeiros anos de escolarización, e afectan ó propio proceso de adquisición da fala.

“As condicións ambientais nos contextos analizados implican unha presión sobre os e as galegofalantes que fai que adoptar o castelán sexa a opción que lles resulta máis cómoda e natural”, explican os autores. “Pola contra, as condicións son pouco propicias ou directamente adversas para que os castelanfalantes fagan uso do galego. Isto é máis notorio nos contextos de menor formalidade da infancia e mocidade, en comparación co que acontece no caso das persoas adultas”, dixo.

Entre as principais conclusións, o proxecto reflicte que o efecto desgaleguizador da escolarización cara ao que apuntan os traballos de carácter estatístico vai máis aló dun reparto horario da lingua vehicular das materias ou da presenza do galego nos rexistros de maior formalidade. Nestes últimos adoitaron concentrarse as medidas para garantir ou incrementar a presenza do idioma propio no sistema educativo, que constituíron un esteo fundamental para a normalización da lingua no ensino e o seu acceso a espazos dos que tradicionalmente fora excluída.

Pero as actividades de menor formalidade que ocorren dentro e fóra dos centros educativos resultan ser esenciais para que a rapazada incorpore en maior medida as ideas e as pautas sociais de comportamento lingüístico, e a realidade demostra que nelas os nenos e nenas experimentan as presións que limitan o uso do galego e mesmo empurran ao seu abandono, segundo sinala o estudo.

A análise destaca ademais a importancia da xestión municipal e das propias empresas e asociacións que traballan coa mocidade. “Cando falamos de política lingüística, adoitamos pensar na educación formal e nas políticas autonómicas. Non obstante, queda patente que as políticas municipais e, en menor medida, as propias políticas de empresas e asociacións, son tamén fundamentais á hora de definir a experiencia lingüística dos cativos e cativas na súa socialización”, valoran os investigadores.

“O caso dos concellos é especialmente relevante, xa que existen unha serie de servizos e actividades orientadas á infancia que dependen da súa xestión directa, pero tamén porque manteñen un contacto máis estreito cos axentes sociais que desenvolven todo tipo de actividades que modelan a vida cotiá nos seus territorios”, rematan.

28 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.