Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Anulan a autorización de repotenciación no parque eólico do monte de Corme

O TSXG di que carecía dos informes sectorias // Asemade, a redución do prazo de consultas é contraria á directiva europea

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular a repotenciación do parque eólico do Roncudo, en Corme, autorizada pola Xunta debido a que reduciu de 30 a 15 días o prazo para consultar o informe do impacto ambiental e presentar alegacións. Ademais, os xuíces destacan na resolución, pioneira neste ámbito, que, en contra da directiva europea, o expediente que se someteu a exposición pública carecía dos informes sectoriais.

A sentenza sinala que o Goberno galego acordou, en febreiro de 2018, declarar de “interese especial” a modificación substancial do parque, o que implicaba “tramitala de forma prioritaria” e, por tanto, reducir de 30 a 15 días hábiles os prazos do procedemento de autorización ad-
ministrativa previa e de construción, así como os do procedemento de avaliación ambiental e do proxecto sectorial. Non obstante, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo, con todo, declara que non procede aplicar a Lei 5/2017, que establece un prazo de 15 días para o trámite de informar á cidadanía sobre este tipo de proxectos. Os xuíces destacan que esa lei é contraria a dúas directivas europeas en materia de medio ambiente, as cales fixan un prazo mínimo de 30 días para ese trámite.

Desta forma, os maxistrados salientan no fallo que, aínda que “nada impide reducir o prazo de información pública de 30 días á metade” na actuación dirixida a obter a autorización previa e de construción do parque, aseguran que “non sucede o mesmo” no trámite que concirne á avaliación ambiental.

Así, fan referencia á directiva europea do 16 de abril do ano 2014, que dispuxo que o prazo fixado para a consulta do público interesado sobre o informe de avaliación do impacto ambiental non será inferior a trinta días. O alto órgano xudicial destaca que “a primacía do dereito comunitario sobre o autonómico non deixa lugar a dúbidas”, á vez que recalca que, diso, se conclúe que, neste caso, non foi de acorde a dereito a redución do prazo de información pública a 15 días no procedemento de avaliación do impacto ambiental.

Ademais, indica que, aínda que o trámite de exposición pública que concirne ao proxecto de execución e o relativo ao estudo de impacto ambiental se deben realizar conxuntamente, para o primeiro a cidadanía dispón dun prazo de 15 días para presentar alegacións e, para o segundo, de 30 días.

Ademais, o TSXG asegura que, segundo a directiva europea, antes de adoptar a decisión definitiva sobre o proxecto que se promovía, é dicir, antes de sometelo a información pública, a Xunta debeu presentar os informes sectoriais. Ao non facelo, segundo a Sala, as persoas interesadas “non puideron exercer de forma plena o seu dereito de participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban”.

O TSXG resalta que a directiva europea establece que “o público interesado terá a posibilidade real de participar desde unha fase temperá nos procedementos de toma de decisións ambientais”, a cuxo efecto “terá dereito a expresar observacións e opinións, cando estean abertas todas as opcións, á autoridade ou autoridades competentes, antes de que se adopte unha decisión sobre a solicitude de autorización do proxecto”.

22 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.