Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MAZARICOS. Fundada en 2008, produce forraxes para alimentar as reses dos oito socios da agrupación // Recibiu 70.000 euros ao abeiro das axudas autonómicas para a transformación e comercialización de produtos agrarios TEXTO M. Lavandeira

Apoio á valorización da actividade da cooperativa gandeira Forxabar

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou este venres as instalacións de Forxabar, da cooperativa Forraxes de Xallas e Barcala, que foi unha das beneficiarias das axudas para a transformación e a comercialización de produtos agrarios. Neste senso, nos últimos cinco anos, esta empresa coruñesa recibiu máis de 160.000 euros destas axudas, sendo a última achega concedida de máis de 70.000 euros na convocatoria de 2022.

A cooperativa Forxabar, fundada en 2008, é unha sociedade adicada á produción de forraxes para a alimentación dos máis de 2.700 animais dos oito socios da entidade.

Así mesmo, o director xeral indicou que o 33 % do orzamento foi asignado a empresas da provincia da Coruña, só por detrás de Lugo, que aglutinou case a metade dos beneficiarios. Así, seguiríanlles Pontevedra e Ourense cun 10 % do orzamento asignado cada unha. Por sectores, os máis beneficiados foron o lácteo, con case a metade do orzamento, seguido polo cárnico (25 %), a alimentación animal (9 %) e outro sectores (mel, aceite, ovos, castañas, froitas, hortalizas, etc.).

Con respecto á distribución no territorio, a maior parte das axudas (87 %) destínanse a proxectos en zonas de montaña ou con baixa densidade de poboación. Ademais, a maioría do orzamento destínase a proxectos promovidos por produtores agrarios ou por empresas participadas por estes (57 %).

PLURIANAUIS. Estas achegas teñen carácter plurianual para facilitar a execución de proxectos de gran investimento e cobren actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % dos gastos subvencionables. Tamén serven para sufragar a compra de maquinaria e equipamentos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

O fin último destas achegas, indicou o director xeral, é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes. De feito, no vindeiro período 2023-2027 da PAC está previsto o mantemento das axudas ás industrias agroalimentarias, co fin de fortalecer o peso do sector industrial no agro galego.

Así, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consisten en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos son garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

Cabe lembrar que, como novidade, a convocatoria deste 2022 apoiaba as asociacións de produtores que se unisen para levar a cabo investimentos en común. Así, concedíaselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50 %) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

O protagonista
“As achegas aumentaron un 40 % este ano”
José Balseiros
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Durante a súa visita á cooperativa gandeira de Mazaricos, o director xeral de Gandaría, José Balseiros, subliñou que a Consellería do Medio Rural vén de resolver a convocatoria de 2022, adxudicando achegas por un importe de 36,72 millóns de euros, o que supón un incremento do 40 % do orzamento anual habitual.

De feito, destacou que houbo 81 solicitudes aprobadas, catro das cales acadaron o límite máximo de tres millóns de euros en axudas por beneficiario.

{ Pasaba por aquí }
Manter vivo o medio rural
Manuel Lavandeira

Nas últimas décadas o sector agrogandeiro experimentou un cambio substancial en Galicia e a Costa da Morte non foi allea ao mesmo. Tanto é así que un pequeno concello como o de Mazaricos é hoxe en día un dos principais produtores de leite da nosa Comunidade, grazas a unha decidida aposta pola modernización das explotacións lácteas e tamén ao asociacionismo en forma de cooperativas, entre outras claves. Un esforzo por manter vivo e por revalorizar o medio rural que requeriu, e sigue demandando, un grande investimento, polo que se fai imprescindible o apoio das administracións públicas. As axudas a este sector son, á súa vez, inversións nun sector que é fundamental para xerar emprego e fixar poboación no rural.

31 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.