Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Resoltas as dúas liñas de axudas da Deputación para actividades e investimentos de promoción económica // Fináncianse dende o equipamento dunha oficina das redeiras de Malpica ata obras de optimización de redes de auga potable TEXTO S. Souto

Apoio de 184.245 € á loxística de vinte e unha entidades comarcais

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional das dúas liñas de subvencións dirixidas a entidades para a realización de actividades e investimentos de promoción económica neste ano e que, en total, outorgará 90 axudas, cun orzamento de 750.000 euros.

Estes programas diríxense a entidades sen ánimo de lucro tales como colexios e asociacións profesionais; cámaras de comercio; entidades asociativas e representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial; e asociacións de veciños e veciñas e mulleres rurais.

No caso da liña para a realización de actividades, que ten un orzamento de 450.000 €, son 65 as entidades beneficiarias na provincia.

No ámbito territorial de Área de Compostela, a Asociación Centro Comercial Aberto Carballo recibirá 8.000 euros para actividades do segundo semestre; a Asociación Casa da Muller de Ponteceso, 5.120 para unha Feira de Artesanía; Terras de Compostela, 8.000 para formación do plan Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino; a Asociación de Comerciantes e Empresarios Comarca de Ordes (Acordes), 8.000 para talleres e promoción na Festa do Champiñón; a Asociación Costa da Morte-GDR, 2.553 para o proxecto Ecocomedores; a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, 8.500 para actividades promocionais; a Asociación de Comerciantes e Profesionais Noia Histórica, 8.000 para actividades de dinamización económica; a patronal de Ribeira, 8.000 para actividades para o desenvolvemento económico da industria, o comercio e a hostalería; a Asociación de Empresarios Terra de Melide, 8.000 para deseño, edición e distribución do xornal Cerne; a Asociación de Palilleiras As Nemanquiñas de Vimianzo, 5.100 para a xuntanza de palilleiras; a patronal de Santa Comba, 8.000 para formación, actividades e campañas de promoción do comercio e a hostalería; a patronal de Rianxo, 8.000 para diversas iniciativas, e a Asociación de Veciños San Pedro da parroquia de Xallas, en Negreira, 4.800 para cursos de plantación e manexo de masas de froiteiras e castiñeiro. A patronal de Boiro ten concedida tamén unha axuda de 11.875 €, pero de xeito provisional e condicionada a correccións no orzamento.

En canto ás axudas á realización de investimentos para a promoción económica, o orzamento en toda a provincia é de 300.000 €. En Área de Compostela, a A.C. da Filloa, de Boqueixón, recibirá 23.250 euros para mecanización da filloeira; a A.V.C.X. Nosa Señora do Viso de Dombodan, de Arzúa, 5.040 para equipamentos; a Asociación Veciñal Río Samo de Frades, 8.679 para aparellos para parque infantil; a Asociación Veciñal Teleclub de Liñaio, de Negreira, 16.051 para rehabilitar un hórreo do entorno da igrexa de San Martiño; a Asociación Profesional de Redeiras O Fieital de Malpica, 4.320 para unha oficina con mobiliario e equipo informático; a Asociación de Usuarios de Augas de Berroge e A Ponte de Brens, en Cee, 4.332 para mantemento da rede de abastecemento de auga, e a comunidade de usuarios para o aproveitamento de auga potable da vila de Zas, 23.000 € para a ampliación de Fonte Brea e o aumento de caudal de auga.

A liña para a realización de actividades financia custos de organización de actividades como campañas, congresos, exposicións, talleres, xornadas, estudos e seminarios; festas de recoñecido interese turístico e feiras de artesanía e exaltación de produtos típicos da zona; iniciativas de difusión e animación do comercio local; e apoio ás liñas de comercialización e promoción dos produtos de calidade. Ademais, este ano, como novidade, incorporáronse os soldos, salarios e Seguridade Social do persoal traballador como concepto subvencionable.

A liña para investimentos para a promoción económica permitirá ás entidades beneficiarias levar a cabo accións como a reforma e mellora de locais sociais; adquisición de mobiliario ou equipamento informático; actuacións de saneamento, abastecemento de auga, acondicionamento de camiños ou iluminación pública; ou investimentos na hostalería e o comercio para adaptalos á normativa en materias como accesibilidade, equipamentos contra incendios ou instalacións eléctricas.

o protagonista
“Impulsar o emprego”
Blas García
Deputado provincial de Promoción Económica

O deputado de Promoción Económica, Blas García, destacou o importante apoio que a Deputación ofrece con estes programas e explicou que “atendendo ás demandas dos colectivos do comercio, permitimos sufragar a través desta liña os salarios do persoal co obxectivo de impulsar o emprego e dar apoio ao sector, moi afectado pola crise xerada pola pandemia”.

{ a letra pequena }
Iniciativas de gran calado
Suso Souto

SON MOITAS e moi diversas as liñas de axudas coas que a Deputación da Coruña vén respaldando importantes actividades que se levan a cabo dende entidades sociais, veciñais, sectoriais ou empresariais. Uns apoios que resultan estratéxicos á hora de organizar ou promocionar festas ou feiras, equipar instalacións, acometer obras, impartir accións formativas, dinamizar o comercio, a hostalería e a industria... Ese esforzo transversal da institución provincial contribúe a apuntalar o esforzo de numerosas entidades nos seus respectivos ámbitos con actividades das que todos nos beneficiamos. Un esforzo económico que é tamén o recoñecemento a ese gran traballo que levan a cabo os galegos e as galegas dende a cooperación.

05 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.