Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 01 febrero 2023
14:42
h

Apoio xudicial á protección da fonte pontecesana de Canasteves

O TSXG avala a inclusión no Catálogo de Patrimonio e dá a razón á veciñanza

A Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superiro de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou a demanda da Plataforma pola Defensa da Fonte de Canasteves, pertencente á parroquia de Tella (Ponteceso), que leva anos loitando “xurídica e políticamente” para “manter o carácter público do centenario espazo composto por: mina, fonte, lavadoiro e camiños de acceso, coñecido como fonte de Canasteves”, afirman.

Segundo relatan, o fallo do TSXG “motiva a legalidade da decisión de Patrimonio”, dado que se trata “de bens comunais con valor etnolóxico e que pola súa antigüidade de máis de 100 anos son de carácter histórico”.

Agora, engaden, estes bens, teñen o aval de dúas sentenzas, unha emitida en 1987 polo Xulgado de Primeira Instancia de Carballo e esta última do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A maiores lembran que en outubro de 1986 a Corporación local acordou en pleno declaralos bens “de dominio público e destinados ao uso e servizo público”, subliñan.

Posteriormente, en xaneiro de 2020 o conxunto da fonte de Canasteves foi incluído no Catálogo de Patrimonio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura de Galicia, “co plus de protección que iso lle confire” engaden.

Á espera de coñecer se o Tribunal Supremo admite, ou non, a trámite o recurso de casación presentado polo litigante, propietario de dúas fincas colindantes, dende a referida plataforma comunican que “este conxunto segue aberto como sempre a calqueira que desexe facer uso del, a pesares de atoparse todo o espazo nunhas lamentables condicións de abandono histórico por parte da administración local”.

Critican que o litigante se aferre “á idea de privar á cidadanía dun dereito histórico de propiedade común”, e queren subliñar que “todos os logros para evitar a destrucción e desaparición do conxunto acadáronse a pesares da desidia, inacción e atrancos postos polo alcalde aos particulares que defenden este espazo como público; chegando ao límite inimaxinable de non apoiar a moción aprobada no pleno do día 31 de maio do 2021 para respaldar a inclusión de dito recinto no Catálogo de Patrimonio”.

Proxecto
Á espera da posta en valor

··· A plataforma veciñal asegura que “segue gardado nos caixóns municipais dende a etapa do tripartito” un proxecto de posta en valor do conxunto de Canasteves, “encargado e pagado polo Concello e realizado por unha prestixiosa oficina técnica en materia de restauración de patrimonio arquitectónico”.

··· Subliñan que se trata dun espazo de alto valor etnolóxico e que é “un exemplo referente da arquitectura popular da auga por, entre outros, dar no pasado servizo como lavadoiro de roupa e, na actualidade, por ser un lugar de aprovisionamento, xa que a fonte nunca foi afectada por unha seca e proporciona auga de calidade”.

13 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.