Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aposta pola valorización e conservación dos pombais de pazos e casas señoriais

Trinta e tres deles foron estudados e catalogados polo muxián Arxires Mouzo // Só uns poucos seguen ocupados polas pombas e moitos atópanse deteriorados

“Capilla, palomar y ciprés, pazo es”. Así reza un dito popular que inclúe como elemento destacado das antigas casas señoriais aos pombais, unhas construcións que, co paso do tempo, foron caendo no esquecemento. Afortunadamente, algúns (os menos) aínda dan cobixo ás pombas e conservánse en bo estado, pero outros moitos perdéronse para sempre ou están a esmorecer entre silvas e hedras que os engulen.

Na Costa da Morte, terra de pazos e casas grandes, aínda se conservan un bo número deles. O muxián Arxires Mouzo vén de estudar e catalogar trinta e tres pombais nos concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo. Unha labor que levou a cabo nos últimos meses con motivo dun traballo desenvolvido no marco dun obradoiro de emprego dual.

Baixo o lema Coñece o teu concello, “tiñamos que estudar o patrimonio dos nosos municipios e vín que os compañeiros se centraban nos cabazos, cruceiros, eiras, fontes e lavadoiros, pero ningún reparou nos pombais e eu, como tiña un fronte a miña casa, decidín afondar nestas construcións”, afirma Arxires. E así foi como comezou a recopilar información, a través de consultas á universidade e libros, como o de Clodio González, quen no ano 1975 fixera un estudo sobre os pombais de Galicia.

“Curiosamente en Muxía só recollía dous, e eu xa sabía alomenos de tres, polo que foime picando a curiosidade e comezei a tirar do fío, de xeito que un foime levando ata outro”, engade.

Durante varios meses, polas tardes, collía unha libreta e un metro, e saía co coche na busca de novos pombais. Co apoio dos veciños e veciñas dos tres concellos, pouco a pouco, foille dando forma ao Catálogo de pombais na Costa da Morte, que inclúe fichas detalladas de cada un dos trinta e tres estudados, con información sobre o seu estado, tipo de construción, xeolocalización e fotografías, entre outros datos. Un estudo que vén de presentar a pasada semana nun acto en Muxía, e que agora o Concello da vila da Barca estudará a forma para poder publicalo.

Máis aló do estudo, Arxires Mouzo quere que o seu traballo sirva para evitar que se perdan estes pombais e que se transmita ás novas xeracións e á poboación en xeral cales eran as súas características e utilidades, de xeito que non se esquezan unhas construcións que forman parte do patrimonio destas comarcas.

Considera que “para manter esto vivo hai que facer unha labor educativa nas escolas”. Unha divulgación que, no caso de Muxía, tamén pretenden levar a cabo a través da Ruta dos Pombais, un itinerario duns oito quilómetros que deseñou o propio Arxires coa colaboración do técnico municipal de Deportes, Diego Castiñeira. Un dos epicentros será o o pombal do mosteiro de Moraime.

O obxectivo é organizar tamén visitas guiadas a varios pombais para que os participantes poidan coñecer de primeira man como son por dentro. “Levei a varios dos meus compañeiros de obradoiro a algúns e quedaron marabillados ao acceder ao interior. Son construcións cun grande illamento térmico e acústico, nos que se respira paz”, afirma Arxires.

Outro dos aspectos que, na opinión do autor do catálogo, é fundamentel é “darlle a este patrimonio unha protección que sexa real e efectiva”, incentivando ademais a través de subvencións a reconstrución e o mantemento para evitar que se perdan. “Hai propietarios que me manifestaron o seu interese por conservalos pero non saben como proceder”, sinala Arxires Mouzo, quen asegura que el “mesmo está disposto a adoptar un pombal se me deixan trasladalo á unha finca miña para que despois a xente o poida vir a visitar”.

Berces de pichóns, unha exquisitez gastronómica

Muxía. Os pombais, ademais de darlle cubillo ás pombas, constituían un recurso máis para os moradores dos pazos e casas señoriais, pois os pichóns eran moi aprezados gastronómicamente. “Son un produto delicattesen”, afirma Arxires Mouzo, que aínda hoxe goza dun gran aprezo en zonas “como Tierra de Campos, en Zamora, no País Vasco e tamén en Francia, onde forman parte de menús de restaurantes distinguidos con Estrellas Michelín”.

Mouzo está convencido de que recuperar estas construcións na Costa da Morte podería servir, non só para ampliar o catálogo de recursos patrimoniais, senón que tamén “se podería tentar recuperar a vertente gastronómica creando unha ruta dos pichóns involucrando a restaurantes da nosa zona”.

Ademais dos valores culinarios, a cría de pombas tamén ofrecía outro produto prezado: a palomina (o excremento), que se utilizaba como abono para os cultivos da horta, xa que era de moi boa calidade.

Dos trinta e tres pombais estudados e catalogados por Arxires, tan só tres seguen habitados por pombas, e outros dous acollen a coruxas. Outro é utilizado por pombas únicamente como refuxo, xa que non dispón da mesa do comedeiro, “un elemento fundamental, xa que non servía para botarlle a comida nas épocas de escaseza de alimento, senon que as pombas a utilizan para orientarse no interior do pombal”, afirma.

Curiosidades dunhas construcións que, segundo Mouzo, sobresaen pola súa calidade, pois dispoñen duns muros moi ben feitos e grosos. “Os máis delgados teñen máis de cincuenta centímetros de ancho”, afirma. Esta é unha das claves para que moitos dos pombais aínda se manteñan nun estado aceptable, a pesares de levar anos en desuso e sen o debido mantemenento da súa estrutura. J. M. r.

04 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.