Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aposta polas novas telecomunicacións na capital barbanzá

Licitaron a renovación de infraestruturas da casa consistorial // Mellorarase o data center

O Concello de Ribeira vén de licitar unha nova actuación dirixida á renovación e actualización das infraestruturas de telecomunicacións na casa do concello como resposta a un uso cada vez máis intensivo das tecnoloxías TIC tanto polos servizos municipais como por parte da sociedade en xeral.

Cun orzamento base de licitación de 100.000 euros, IVE incluído, esta intervención enmárcase na Liña 12 da Edusi ‘Máis Ribeira Atlántica 2020’, que está cofinanciada nun 80 % polos fondos Feder dentro do Pograma Operativo Plurirrexional de Europa (POPE) 2014-2020.

O prego de cláusulas administrativas recolle a adecuación do Centro de Procesamento de Datos (CPD) ou Data Center existente situado na casa do concello onde se concentran todas as comunicacións, “co obxectivo principal de mellorar a robustez, a fiabilidade e a seguridade do mesmo, para conseguir a mellora da calidade dos servizos ofrecidos, a súa xestión, operacións e evolución”, sinalaron dende o goberno local.

Entre as accións a levar a cabo tamén se contempla a reestruturación e renovación do cableado do consistorio, por medio dunha solución de cableado estruturado que partirá do CPD e que permitirá mellorar o ancho de banda e a escalabilidade da rede, así como garantir flexibilidade e facilitar a xestión e o mantemento. Asemade, inclúese a subministración, instalación e cableado de cargadores USB e cargadores inalámbricos para dispositivos móbiles nas columnas exteriores da casa do concello, como parte da renovación do cableado do edificio municipal.

Segundo apuntaron fontes municipais, o tipo de contrato é da denominados “chave en man” que asegure a correcta instalación e posta en marcha de todo o equipamento fornecido, de tal maneira que a empresa adxudicataria realizará todas as tarefas necesarias para o correcto funcionamento do novo CPD e de todo o cableado estruturado do concello.

As empresas interesadas dispoñen ata o 21 de xullo á media noite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (Silex).

conservatorio Por outra banda, o Concello de Ribeira informou de que dende o pasado luns e ata o venres 23 de xullo estará aberto o prazo para a matrícula ordinaria no curso 2021/22 no Conservatorio de Música Profesional de Ribeira Enrique Paisal.

O alumnado que superara todas as materias do curso na convocatoria ordinaria de xuño e continúe estudos disporá destas dúas semanas para a realización da matrícula do vindeiro ano.

O proceso, ao igual que o ano pasado, é totalmente telemático e pódese atopar toda a información no apartado das novas da páxina web municipal www.ribeira.gal.

14 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TIC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.