Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aposta polo plurilingüísmo dende unha educación amesá en galego

Presentouse unha guía da Real Academia Galega con estratexias para planificalo nos colexios e institutos // Avoga por un modelo que sexa socialmente inclusivo

A Real Academia Galega presentou a guía Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames, coa idea de e contribuír á reflexión sobre a situación sociolingüística. Nela ofrécense aclaracións conceptuais sobre o tema que aborda e propón estratexias de cara á planificación nos centros educativos dende a premisa do ecolingüismo como “unha aposta ética e unha opción viable”, salientaron.

A publicación avoga así por construír a partir do galego un plurilingüismo inclusivo, que non se limite a unha visión instrumental centrada exclusivamente na competencia en varios idiomas e que reforce tamén o respecto pola diversidade cultural.

A publicación dálle continuidade á colaboración entre a RAG e o Concello de Ames arredor do mapa sociolingüístico escolar municipal e sae do prelo co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta. Na presentación, no auditorio do Milladoiro, interviron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo; a coautora da guía e profesora de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, María López Sández; o tenente de alcalde e concelleiro de Educación de Ames, David Santomil; a edil de Política Lingüística, Escarlata Pampín; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Tras a elaboración dun Mapa sociolingüístico escolar de Ames, constatouse a necesidade de fornecer ao profesorado con formación e recursos sobre o plurilingüismo, eiva que esta guía, elaborada dende o Seminario de Sociolingüística da RAG coa colaboración de Bieito Silva e María López Sández, pretende contribuír a paliar comezando pola definición do propio concepto, explicou Monteagudo: “Tal e como esta presentado no Decreto 79/2010, o plurilingüismo abórdase dende unha visión moi instrumental. Pero cómpre ir máis alá da mera aprendizaxe das linguas, e do inglés en particular, e ter en conta o diálogo intercultural”.

RISCOS. Na presentación os autores lembraron os riscos dunha implantación acrítica de modelos educativos multilingües “sobre os procesos pedagóxicos, as prácticas dos falantes ou a situación social das linguas minoradas”; e sinalaron tamén outros elementos a ter en conta en contextos coma o de Ames polas novas tecnoloxías, se experimenta un crecente impacto da inmigración que debe abordarse cunha proposta respectuosa cos galegofalantes e, ao mesmo tempo, “acolledora para a nova veciñanza e útil para o futuro do alumnado”, segundo explicaron.

“Nun contexto de globalidade, comunicación e intercambio coma o actual, a escola galega precisa atopar un xeito de garantir ás novas xeracións as competencias necesarias no presente pero asegurando na mesma medida o futuro da lingua galega”, expón a guía, que conclúe que en Galicia un “plurilingüismo socialmente inclusivo, respectuoso e potenciador da diversidade, que garanta a competencia en varios idiomas e que se comprometa co futuro da lingua galega debe construírse a partir do galego”.

Os autores salientaron que o concepto do plurilingüismo implica sumar e non restar, e formulan a necesidade de estender o ecolingüismo, baseado na idea de que, como na natureza, a diversidade lingüística é un valor e unha calidade do progreso e da responsabilidade cívica, e subliñando a necesidade de implicar ao profesorado.

Freixanes ve fundamental que as institucións tamén colaboren nunha transmisión xeracional
Ademais das familias e colexios, a implicación debe chegar ás novas tecnoloxías e ao lecer

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, lembrou que este novo traballo é parte das contribucións da Academia ao diagnóstico e á posta en marcha de medidas que freen a creba da transmisión xeracional da lingua galega, un desafío que esixe actuar dende as idades máis temperás e contando coa colaboración de todos os axentes sociais.

“Cada vez somos mais conscientes de que a transmisión xeracional do idioma require non só incidir no papel das familias e dos primeiros niveis do sistema educativo, senón tamén da implicación de todas as institucións civís, artellando unha actuación global que atinxa o mundo do lecer, das novas tecnoloxía, do consumo en xeral etcétera.”, expresaba Freixanes.

Á vez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacaba “a importancia de actualizar e formular os contidos dun concepto tan amplo como é o plurilingüísmo e de dar coas fórmulas axeitadas para que a lingua galega teña o seu espazo e mesmo se vexa enriquecida dentro dun sistema de coñecemento de linguas que cada vez será máis amplo”.

A edil de Normalización Lingüística subliñou que os beneficios do plurilingüismo son “indiscutibles, máis tamén é indiscutible o feito de ter que levar a cabo unha proposta de plurilingüismo inclusivo dende o galego asegurando na mesma medida o futuro da nosa lingua”. Pampín lembrou, neste sentido, os datos do mapa sociolingüístico escolar de Ames, que reflicten a creba na transmisión xeracional da lingua. “O dato esperanzador é a presenza case parella do galego e o castelán entre as familias do municipio. Pero o castelán é a lingua principal de máis do 70 % do alumnado de educación primaria. Os resultados amosan que o proceso de abandono da lingua comeza xa no primeiro contacto coa escolarización. Cómpre actuar con urxencia, antes de que a desfeita sexa irreparable”, indica.

A mesma concelleira amesá expresaba por último “a disposición absoluta por parte do Concello de Ames para colaborar, participar ou ser diana de calquera proposta ou proxecto pioneiro” que promocione o galego.

13 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.