Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aproban o investimento para sanear San Mamede e Santa Cruz de Ribadulla

O Consello da Xunta dá luz verde ao convenio de colaboración con Vedra para uns traballos que teñen un custo de 1,3 millóns

O Consello da Xunta autorizou na reunión de onte a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Vedra para executar as obras de saneamento nas parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla. Este proxecto conta cun investimento global de algo máis de 1,3 millóns de euros, dos que o organismo Augas de Galicia achegará 1,06 millóns de euros e o Concello o importe restante, é dicir, 265.000 euros.

Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia a intervención contará co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural Galicia 2014-2020.

O obxectivo desta actuación é reforzar o sistema de saneamento dos núcleos de Outeiro, A Lagoa, Sete, Angustín e Agrelo, completando así un proxecto máis amplo no cal o Goberno galego terá investido un total de 2,3 millóns de euros, contando esta terceira fase de obras e as dúas xa executadas con anterioridade.

Con estes traballos ampliarase a rede cun novo ramal que recolle as augas residuais do núcleo de Agrelo e os tramos que conectan unhas vivendas de Rozadela e outras próximas ao campo de fútbol. Para Outeiro e A Lagoa deséñase unha estación de bombeo que descargará nun pozo da rede existente

A impulsión prevista levará as augas desde a estación de bombeo de augas residuais ata unha cámara de rotura de carga, desde a que un tramo de colector por gravidade descargará na rede existente. Tamén se realizará a modificación do bombeo de Neira para adaptalo ao novo caudal, indican no comunicado do Consello.

As obras proxectadas darán servizo a unha poboación de 500 habitantes para o ano horizonte 2038.

Segundo apuntaron, estas actuacións daranlle continuidade ás realizadas nunha primeira fase, nas parroquias de Tomonde e Neira, e nunha segunda, nas de San Mamede e Santa Cruz, sumando un orzamento global de máis de 1 millón de euros.

FASES I E II Na primeira fase, a Xunta executou o saneamento dos núcleos de Neira de Arriba e Neira de Baixo, ambos os dous na parroquia de San Mamede de Ribadulla. As actuacións consistiron na instalación dun treito de colector xeral, que discorre paralelo ao río Tomonde. Tamén se acometeu unha nova depuradora que consta de sistemas de pretratamento, decantador, tanque de flotantes e arqueta de repartición.

Na segunda fase, as actuacións consistiron en dar continuidade ao colector iniciado na primeira fase, así como na execución de sete ramais secundarios e 130 pozos de rexistro. Ademais executáronse melloras na depuradora do núcleo de Neira, dotándoa dun equipo de bombeo para reforzar a súa capacidade e permitir a posibilidade de futuras incorporacións doutros núcleos.

Finalmente, explican que esta intervención demostra que “a Xunta de Galicia continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito eficiente”.

24 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.