Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A casa da cultura acolle ata o 28 de xuño unha mostra do colectivo Reviravolta // Esta permite revisar os mitos dende a perspectiva de xénero TEXTO Marta Torres

Aquelarre lúdico e artístico con ‘Circe’ en Outes

A casa da cultura de Outes acolle dende o 27 de maio ata o vindeiro 28 de xuño unha exposición do colectivo Reviravolta que leva por título Circe. Cinco mulleres que non se conforman coa visión monolítica desta sociedade patriarcal, presentaron fai uns días en Outes a súa proposta a través dun aquelarre lúdico-artístico. Asinan esta iniciativa cultural Pura Villar e Mónica Montero (artistas plásticas), Vane Bolboretiña (bailadora e cantareira), Sabela Olivares (música e compositora) e Sandra Pazos (intérprete).

No concurrido acto, as súas armas foron a expresión plástica, musical e corporal, pero sobre todo o xogo, co que pretenden divertir ás persoas asistentes, celebrar e compartir de novo os encontros, as apertas, os cantos, as danzas e a vida.

O valor simbólico dos mitos permite volver a eles unha e outra vez, e niso consiste esta viaxe pola mostra de Reviravolta: revisalos dende a perspectiva de xénero, en particular as mulleres odiseicas, ás que Homero trata con exquisito coidado.

Queren rachar os valados e recorren a Circe, personaxe complexo como poucos: intuitiva, feiticeira, apaixoada, enxeñosa, hábil, solitaria, libre, xenerosa, sabia, meiga. “E disto se trata neste aquelarre, cantar, bailar e reconectar coa nai natureza porque somos Circes”, apuntaron dende o mencionado colectivo.

Fotografía, obra gráfica, escultura, porcelana, vídeo-creación, performance e ata unha actuación musical marcaron o acto inaugural da exposición, que pode visitarse de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados só en horario de mañá, dende as 11.00 ata as 13.00 horas.

06 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.