Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CARBALLO. Centos de meigas denunciaron as desfeitas derivadas dos parques eólicos e canteiras mailo deterioro de camiños e ríos // Queren dar pulo ao medio rural a través da veciñanza, como gran valedora do territorio fronte ás agresións TEXTO M. Lavandeira

Aquelarre no Monte Neme na defensa do patrimonio natural e dos valores culturais

Varios centos de meigas xuntáronse no Monte Neme (Carballo) para participar nun novo aquelarre reivindicativo a prol dos valores ecolóxicos, culturais e sociais.

Convocadas pola asociación Senda Nova, ata a Eira das Meigas achegáronse tamén os historiadores e divulgadores carballeses Xan Fraga e Xan Fernández. Carrera para afondar nos valores culturais do Monte Neme, facendo un percorrido polo patrimonio inmaterial dun espazo degradado e maltratado ao longo da historia.

Ao encontro sumáronse tamén diferentes colectivos de defensa da terra como Asociación Salvemos o Val da Barcia e Monte Xalo, o Observatorio Ibérico da Minería, a Plataforma Non eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural ou a Asociación Ambiental Senda Nova, cuxos representantes participaron na lectura de comunicados. A estes uníronse entidades moi diferentes como a Comunidade de Montes de Oza, o Casino 1889, a Escola do Alprende, a AD Media Ducia, a AC San Campio de Cances ou mesmo o colectivo cultural Aquelarres Literarios.

Cando se achegaba a media noite, a comitiva de meigas, encabezada pola coñecida actriz Isabel Risco, e outras que chegaron voando da terra de Xallas, A Coruña, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Malpica, iniciaron o ascenso ao mítico círculo lítico acompañadas de fachos acesos e dunha acompasada percusión que seguiu despois da entrada de todas as meigas na Eira.

Isabel Risco, ben coñecida polo seu posicionamento a prol da terra, foi mestra de cerimonias e dinamizadora na presentación das entidades. Exerceu tamén de representante das meigas, cunha intervención “animada, reivindicativa e chea de forza e optimismo, que envolveu a actuación das demais meigas, facendo latexar con forza un cromlech que se vestiu de gala para a ocasión”, afirman os promotores da cita.

A Escola do Alprende e numerosos gaiteiros, bailadores e pandereteiras, animaron a festa posterior ata a entrada do seguinte día, no que se correspondeu cunha velada debaixo dunhas estrelas do Monte Neme que acompañaron ás meigas para conseguir que a treboada se afastase deste monte mítico bergantiñá.

Tanto os textos como o propio Aquelarre na Eira das Meigas, xirou “a prol do noso rural e o feminismo, poñendo énfase nas desfeitas ambientais que teñen que ver con parques eólicos, canteiras e deterioro de corredoiras e ríos por mor da zahorra e pasarelas de madeira que proliferan na nosa xeografía nos poucos lugares que nos quedan aínda sen deteriorar”, denuncian dende Senda Nova.

Sinalados. O Aquelarre foi un acto de denuncia, no que se sinalou “a administracións públicas de todas as cores políticas, e tamén a empresas sen escrúpulos na desfeita”, engaden. A súa vez, quixeron dar pulo ao medio rural e a mobilización veciñal “como gran valedora do territorio fronte a desfeita”.

Dende Senda Nova agradecen a todas as entidades e colectivos que os acompañaron nunha noite máxica no Monte Neme. Uns agradecementos que fan extensivos tamén “a todos os músicos que aportaron algo tan esencial neste evento; a todas as meigas da representación teatral; a Sonpres, Interfilm Carballo, AD Media Ducia e AC San Campio de Cances, A. V. Protección Civil de Carballo e a todo o persoal voluntario da organización por demostrar que o pulo asociativo é capaz de organizarse para eventos coma este”.

23 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.