Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Arrinca a sétima campaña de posta en valor do castro das Barreiras de Vimianzo

Sacarán á luz a cabana que ten nun dos seus muros un gravado rupestre // Uns cincocentos escolares visitarán o xacemento na vindeira semana

A sétima campaña de divulgación e escavación do castro das Barreiras, de Vimianzo, xa está en marcha e dará continuidade a un proxecto do Concello vimiancés que se vén desenvolvendo de xeito ininterrompido dende 2018.

Á fronte dos traballos estará, un ano máis, o arqueólogo Tito Concheiro, quen agradeceu a aposta do Concello por seguir revalorizando o patrimonio cultural, “e en especial este castro espectacular da Idade do Ferro - Época Galaico-Romana”. Esta nova campaña centrarase na ampliación da áera descuberta o ano pasado e “esperamos desempolvar un dos expedientes X do xacemento, que é a cabana que ten un gravado rupestre. É unha oportunidade moi boa para saber que fai aí ese gravado da Idade do Bronce”, engadiu. Ampliarase tamén a área visitable coa descuberta doutra cabana, aparentemente de forma ovalada.

Concheiro asegura que é un castro que ofrece “cousas moi atípicas”, como estruturas interiores, o betilo que apareceu hai dous anos e o referido gravado rupestre. Nas últimas campañas sacaron á luz tamén unha gran cantidade de cerámica indíxena e “certificouse que hai un nivel galaico-romano, aínda que non moi potente”. Ademais, ao redor da muralla hai unha serie de estruturas que orixinariamente eran de madeira ou de palla-barro, “que probablemente teñan relación con actividades artesanis. Isto cambia a idea que tiñamos das Barreiras, porque a muralla foi amortizada e cara ao pano interior contruíronse novas edificacións, algo típico do momento da Pax romana, no que a muralla como elemento defensivo xa non tiña sentido”, afirmou.

Amosou ademais a súa convicción de que este castro “vai seguir dando moitísimo, porque é peculiar e único, non só polo seu valor arqueolóxico, senón tamén pola accesibilidade, porque está no casco urbano de Vimianzo e porque é un sitio ao que o pobo lle ten moito cariño”.

Tito Concheiro avanzou ademais proxectos de futuro, como a organización dunha exposición coas pezas “que sairon de aquí, acompañadas de paneis e fotografías que falen non só da arqueoloxía do castro, senón tamén da xente que estivo aquí traballando”. Nesta campaña, sumáronse ao equipo técnico as arqueólogas Cristina Seoane e Ana Laura Corredoira.

A vindeira semana comezará o plan de divulgación, no que participarán arredor de 500 alumnas e alumnos de centros tanto de Vimianzo como de Baio, aos que hai que engadir as visitas rexistradas esta fin de semana con motivo da xuntanza de autocaravanas.

Neste sentido, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou “o traballo tanto das áreas de Deportes e Cultura como de todo o equipo de arqueoloxía, que como dixo Tito, está ó servizo da cidadanía, e realizan unha labor fundamental: a de difusión do coñecemento á sociedade”, e admite que “é ilusionante o que se vai vivir neste xacemento a vindeira semana”.

A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, puxo de relevancia “a participación de tantas pequenas e pequenos nunhas visitas que estarán lideradas pola persoa indicada, Tito Concheiro, e que encherá as súas mentes de fantasía”.

Pola súa banda, Víctor Santos, técnico de Deportes, puxo de relevancia “a grande riqueza patrimonial de Vimianzo, confirmada co éxito do programa de autocaravanismo da pasada fin de semana. A través destas rutas tratamos de promover a actividade deportiva e dar a coñecer os recursos naturais e patrimoniais do municipio”, asegurou.

20 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.