Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arranca en Vimianzo a viaxe da maleta contra a violencia de xénero

Porta libros e un diario para promover a reflexión e sensibilizar á sociedade // Recorrerá a provincia da Coruña para avanzar polo camiño cara á igualdade

Mavi, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, comezou en Vimianzo un percorrido que a levará por toda a provincia da Coruña con dez libros que abordan temas como o feminismo, a igualdade, a violencia machista, o empoderamento das mulleres e a autoestima.

“Son textos que promoven a reflexión, a sensibilización e a concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdade”, afirmou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, no acto de presentación da iniciativa promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación no marco do programa de actividades ao redor do 25 de novembro.

Durante a súa estancia en Vimianzo, Mavi viaxará polas escolas unitarias de Carnés, Carantoña e Castromil, nas que se desenvolverán obradoiros infantís de igualdade, a través de contacontos e debuxos. Despois, a maleta chegará a casas de acollida, centros de información á muller, centros penitenciarios e asociacións de mulleres, “e estará a disposición de todos os concellos da provincia que a demanden”, indicou Rivas.

A subdelegada estivo acompañada pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen manifestou a súa esperanza de que este itinerario de Mavi “sexa o inicio para acurtar as desigualdades que, desgraciadamente, aínda existen”.

RECURSO. No acto tamén participaron a xefa da Unidade contra a Violencia sobre as Mulleres na provincia da Coruña, María Isabel Álvarez; a axente municipal de Igualdade, Xiomara Lazo; e a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade, María José Pose, quen asegurou que “este é un recurso moi interesante, e que se achegue ao rural vainos facilitar o traballo que vimos facendo a diario contra a violencia de xénero”.

A impactante cifra
con protección
1.923 mulleres

··· A subdelegada do Goberno lembrou que na provincia da Coruña hai “1.923 mulleres que teñen algún nivel de protección. É dicir: case dúas mil mulleres que non poden facer a súa vida con completa liberdade. Para min son 1.923 razóns para seguir traballando de xeito coordinado entre as institucións, porque é moi necesario concluír con esta lacra social”, afirmou.

··· Rivas sinalou que “a prevención e a sensibilización son ferramentas clave para tentar acabar con esta situación” e invitou a reflexionar e a fomentar a educación.

26 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.