Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Lalín homenaxeou ao seu pintor máis universal cunha exposición, a presentación dos Cabezudos e a ofrenda // Lorenzo lembrou que traballan para por en valor a figura de José Abeledo co gallo do Día das Artes Galegas de 2022 // Santalices dixo que a súa figura “trascende das fronteiras ibéricas” TEXTO S. E.

Artistas e políticos réndense a Laxeiro

Xente do mundo da cultura e da política galega deuse cita este mércores en Lalín para participar nos actos de homenaxe ao pintor José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, polo 25 aniverario do seu falecemento. Os actos, organizados polo Concello, contaron coa presenza, entre outros, do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

A homenaxe a Laxeiro deu comezo ás 12.00 horas no museo municipal cunha exposición composta por unha selección das obras que o pintor universal doou ao Concello de Lalín e tamén coa presentación dos Cabezudos de Laxeiro, figuras inspiradas no cadro A familia da Romea e realizadas para o Concello de Lalín polo artista local Luchi Iglesias. O gaiteiro Plácido Rozas interpretou unha peza.

Posteriormente, a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, presentou o acto de homenaxe e despois, Luchi Iglesias explicou o proceso creativo das pezas dos Cabezudos. Tamén interviron no acto o historiador e crítico de arte Antón Castro, autor, entre outros, do libro Laxeiro, a intervención dun mundo, e Antón Lamazares, para quen Laxeiro tivo unha influencia decisiva.

Os actos proseguiron no cemiterio de A Romea, onde se atopa o panteón do pintor universal e tivo lugar a ofrenda floral baixo os acordes da Muñeira de Laxeiro, interpretada e composta por Rozas. Alí foi o alcalde da localidade, José Crespo, o encargado de abrir as intervencións, e destacou que levaban tempo preparando a celebración do 25 cabodano de Laxeiro, “un dos artistas plásticos máis representativos que ten dado Galicia”. Crespo avanzou que este ano tamén se celebrará a XV Bienal Internacional Pintor Laxeiro e lembrou que en 1968 creouse a colección coas 33 obras que o artista doou ao Concello. “Trinta e tres momentos da miña vida como pintor”, indicou o propio Laxeiro cando se inaugurou a citada colección na antiga biblioteca municipal.

Despois, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, lembrou que a Xunta de Galicia traballa xa nunha ampla programación que sirva para poñer en valor a figura de Laxeiro co gallo do Día das Artes Galegas 2022, que se dedicará ao pintor lalinense. “Trátase de todo un acerto que fará que Laxeiro se sume a autores que xa protagonizaron esta efeméride, como o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Alejandro de la Sota, Luís Seoane ou Domingo de Andrade“, dixo neste sentido.

Pola súa banda, o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, dixo que “a obra de Laxeiro transcende abertamente as fronteiras ibéricas” e felicitou ao alcalde por esta conmemoración, que “reforza o protagonismo de Lalín como referencia imprescindible para a arte galega contemporánea. Tamén interviron o filólogo, crítico e escritor Luis González Tosar; o director da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez Otero; e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana.

A programación en homenaxe ao ilustre pintor lalinense continuará o vindeiro sábado día 24 de xullo con dous pasarrúas teatralizados a cargo dos Cabezudos de Laxeiro, que desfilarán por distintos espazos do casco urbano lalinense acompañados de A Carballeira de Cercio. Será en horario de 13.00 a 14.00 e de 19.00 a 20.00 horas. Ademais, o domingo, Día de Galicia, terá lugar un pasarrúas dos Xuncos, de 13.00 a 14.00 e de 19.00 a 20.00 horas.

Indicar que, entre outras distincións, Laxeiro é Fillo Predilecto de Lalín dende outubro de 1976 e recibiu a Folla de Carballo do Concello en 1986. O pintor ofreceu o pregón da Feira do Cocido en 1976, ademais de ser o cartelista nos anos 1975, 1993 e 2018 (50 aniversario do evento). En maio de 1987 déuselle un nome a unha rúa no seu honor; dende 1989 un dos institutos locais leva o seu nome, e en 1993 comezouse a organizar a Bienal Internacional.

22 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.