Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CULTURA. ‘A Galicia’, himno do coñecido poeta local, foi detonante do Rexurdimento // Envolto na bandeira de EEUU descansa en Sabardes un mecánico naval caído en Normandía // Un pintor outense despuntou no debuxo arquitectónico TEXTO F. Garabato

Arximiro Suárez, Manuel Otero e Añón: tres piares ilustres de Outes

A historia dun pobo escríbena as súas xentes, e é tamén a dos seus persoeiros ilustres. Tres son os nomes que se escriben con letras de ouro no libro da Historia de Outes: Arximiro Suárez, Manuel Otero e Francisco Añón.

Arximiro Suárez Ferreiro naceu en Outes en 1905, pero a súa profesión de mestre fíxoo vivir durante moitos anos en Noia, onde morreu en 1960 e onde gañou unha merecida sona de pintor que espallou a través de numerosas exposicións por toda Galicia, Asturias e Madrid. Obtivo o primeiro premio no Concurso Nacional de Debuxo celebrado en Madrid entre educadores artistas.

Especializado no debuxo arquitectónico, recolle nos seus cadros toda a arte dos monumentos composteláns, así como os máis fermosos recunchos da comarca de Muros-Noia. Os seus debuxos a pluma, eido no que conseguiu os seus máis grandes logros, teñen unha forte personalidade e evidencian un maxistral dominio da técnica, que levou tamén con éxito pola súa notable beleza, á acuarela, ao óleo e ao gravado.

Na última etapa da súa vida iniciou unha evolución cara unha estética renovadora, achegándose a postulados poscubistas.

Manuel Otero naceu en 1916 en Catasueiro (O Freixo) no seo dunha familia humilde. Tras un tempo arranxando barcos nun dos pequenos estaleiros do pobo, xurdiulle a posibilidade de enrolarse como mecánico na Mariña Mercante. Estaba destinado en Cantabria cando estoupou a Guerra Civil e, como a zona quedou baixo control republicano, foi chamado a filas por ese bando, cando apenas tiña 20 años.

Logo emigrou a Nova York, onde montou un negocio de mecánica. A única maneira que tiña de poder seguir en EEUU era conseguir a nacionalidade norteamericana, polo que o máis factible era alistarse no exército. Ós poucos días de iniciar o recrutamento, Xapón bombardeou a base de Pearl Harbor, e o presidente Roosevelt decretou a entrada de EEUU na II Guerra Mundial.

Manuel Otero foi asignado á unidade de elite 16º Rexemento da 1ª División de Infantería pola súa experiencia no campo de batalla. A el encomendáronlle a toma da Praia de Omaha, principal enclave do desembarco de Normandía. O seu nome aparece inscrito no obelisco que recorda aos caídos da Big Red One na xornada do 6 de xuño de 1944. A finais de 1947, o pai de Otero realizou xestións perante a embaixada dos EEUU en España para que repatriaran o corpo do seu fillo. Despois de varias peticións a US Army deu o visto bo e o corpo de Manuel Otero foi enviado a Outes.

Envolto na bandeira estadounidense e nunha cerimonia multitudinaria á que asistiu o agregado do mando militar americano en Madrid, Manuel Otero foi enterrado no camposanto de San Xoán de Sabardes o dezaoito de setembro de 1948 e condecorado coa medalla Corazón Púrpura, que se lle entregaba aos caídos en combate.

Outro ilustre de Outes é o poeta Francisco Añón. Naceu no lugar de Boel o 9 de outubro de 1812 e morreu en 1878. A súa poesía presenta nas máis das veces humor e enxeño mesturados coa retranca. Outras veces achéganos unhas fermosas descricións costumistas.

Tivo sona de poeta romántico, aventureiro e bohemio, demostrando nas súas composicións un amplo dominio lingüístico e unha fonda cultura. Converteuse así nun dos primeiros escritores galegos do século XIX. Morreu enfermo e pobre en Madrid, lonxe da súa terra. A maior parte da súa obra está dispersa en xornais ou inédita. O seu himno A Galicia foi o detonante que propiciou en 1861 o Rexurdimento.

21 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.