Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arzúa adiántase ao Nadal con actividades para todos os públicos ata xaneiro

Haberá actuacións musicais, presentacións e iniciativas para os pequenos da casa // A Cabalgata de Reis percorrerá a vila

O Concello de Arzúa, a través do departamento de Cultura, xa ten preparada a programación do Nadal 2022-2023, que deu comezo este sábado, día 3, coa representación do espectáculo infantil O aniversario do avó de Os Bolechas, que puido verse ás 18.00 horas na Capela da Madanela. O xogo combinouse coa aprendizaxe da man dos coñecidos personaxes creados por Pepe Carreiro. Loli, Chispa, Tatá, Braulio, Sonia, Pili e Carlos levaron á vila unha aventura chea de diversión que atrapou aos máis pequenos desde o inicio da función. Esta actividade está enmarcada dentro do programa da Xunta de Galicia FalaRedes.

As propostas terán continuidade coa celebración do Día do Comercio Local o vindeiro xoves 8 e co concerto de Nadal da Rondalla Moraima o sábado 10 ás 20.00 horas na casa da cultura. A música terá máis presenza co segundo ciclo para público adulto Nadal Sonoro, que ofrecerá tres concertos na Capela da Madanela ás 21.00 horas. O venres 16 actuarán Las Antonias en formato trío, o 23 é o turno de Silvia Penide e Carla López coa proposta Feminino Plural e o 30 de decembro estará Leticia Rey Dúo.

O venres 16 tamén terá lugar a votación popular do concurso de carteis anunciadores da 48 Festa do Queixo en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.30 a 20.30. As propostas presentadas a este certame poderanse ver na Madanela do 19 ao 23 de decembro e os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 18.30 a 20.30 horas.

Na xornada seguinte, o venres 17, contarase con dúas propostas na Capela da Madanela. Pola mañá, ás 12.00 horas, terá lugar o acto de presentación da obra Virtudes (e misterios) co autor Xesús Fraga organizado polo Club de Lectura Municipal de Arzúa. Esta novela acadou o Premio Nacional de Narrativa 2021, o Premio Blanco Amor 2019 e o Premio da Crítica de Galicia 2021. Pola tarde, ás 18.00, a través do CIM, a compañía Ste Xeito Producións representará a función teatral Feminíssimas. A partir do venres, día 23, coincidindo co inicio das vacacións escolares, a programación vaise centrar especialmente no público infantil e familiar. Así, esa xornada, a biblioteca acollerá o contacontos As viaxes do Apalpador a partir das 18.00 e o mércores 28 será a quenda para a maxia da man do Mago Teto co espectáculo Rock & Magic que contará con música en directo no Multiúsos Terra do Queixo ás 18.00. Por último, os días 3 e 4 de xaneiro, o multiúsos acollerá un parque de inchables e obradoiros en horario de 17.00 a 20.00 horas.

O 5 de xaneiro a programación de Nadal pecharase coa Cabalgata de Reis que recuperará o seu formato tradicional percorrendo as rúas da vila. Os Reis Magos realizarán o clásico percorrido dende a casa da cultura ata o Multiúsos Terra do Queixo, acompañados de animación, agasallos e moitas sorpresas. A saída da comitiva será ás 17.00 e rematará coa recepción a todas as nenas e nenos por parte das Maxestades.

A concelleira de Cultura, Aurora Varela, convida a todos os veciños e veciñas, e aos visitantes, a desfrutar desta programación que se presenta como “un amplo e variado abano de posibilidades para o tempo de lecer durante o Nadal con propostas para todos os públicos”, di.

Dende logo, a veciñanza de Arzúa ten moitas posibilidades para divertirse durante este Nadal, que chega cargado de iniciativas destinadas a toda a familia.

04 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.