Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arzúa iniciará este luns as excavacións no Castro Curbín

O grupo de investigación Sincrisis, da USC, encargarase das intervencións arqueolóxicas

O goberno de Arzúa anunciou o inicio dunha campaña de traballos arqueolóxicos no xacemento arqueolóxico do Castro Curbín a partir do luns, 13 de setembro. A actuación intégrase dentro do programa de intervencións para a investigación, conservación e posta en valor de xacementos arqueolóxicos significativos da Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolverase ao longo deste mes de setembro.

O grupo de investigación Sincrisis da Universidade de Santiago de Compostela (USC) será o encargado da realización destes traballos, trala súa adxudicación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello de Arzúa.

O Castro Curbín é un poboado fortificado formado por un recinto único de planta lixeiramente ovalada, delimitado e defendido por unha muralla e un foxo que rodea esta e que presenta un excelente estado de conservación. Está catalogado no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Arzúa como un espazo ordenado para a investigación arqueolóxica e a revalorización social. De feito, o Concello de Arzúa conta cunha área natural de lecer neste xacemento arqueolóxico que limpa e roza periódicamente. Está sinalizado con paneis informativos e sinais direccionais e conta cun valado de madeira no perímetro exterior para impedir o acceso con vehículos motorizados ao recinto e, desta maneira, protexelo. Asemade existen algunhas mesas, bancos e papeleiras de madeira para uso das persoas que o visitan.

O castro mantense en bo estado de conservación grazas ás anteditas medidas de protección e mantemento que realiza o Concello que nos últimos meses e a través da concellaría de Turismo desenvolveu un proxecto de mellora e conservación do lugar, que se atopa próximo ó Camiño de Santiago.

Nesta campaña de 2021 tense previsto realizar traballos que incluirán unha prospección xeofísica e sondaxes arqueolóxicas e posta en valor do Castro Curbín.

13 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.