Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 04 diciembre 2021
03:22
h

Arzúa, máis viva ca nunca coas propostas de verán

O 25 de xullo está prevista unha xornada cargada de actividades de lecer e obradoiros de cultura urbana para mozos e cativos

Este ano terá lugar unha nova edición do programa Arzúa Viva, unha proposta que pon en marcha o Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido pola concelleira Aurora Varela, e que está incluída na programación de verán. A iniciativa volve despois de ter que ser suspendida o pasado verán por mor da pandemia.

Deste modo, a Praza de Galiza acollerá o domingo 25 de xullo a decimocuarta edición con actividades de lecer e varios obradoiros de cultura urbana durante toda a tarde para público infantil e para a mocidade. Ás cinco da tarde dará comezo o evento no que haberá unha zona de talleres con inscrición previa e outra zona de xogo libre.

Os obradoiros que se van levar a cabo, todos de temática de cultura urbana, son de Cap paint (pintado de gorras) e de Danza urbana, ambos ás cinco da tarde para participantes a partir dos 8 anos cumpridos no momento da inscrición. Tamén haberá un obradoiro de Graffiti ás sete da tarde e para participar deberase ter un mínimo de 10 anos.

Para estas tres actividades será necesaria inscrición previa no teléfono 981 500222 do 15 ao 21 de xullo en horario de 9.00 a 14.00h. A participación nas mesmas é de balde e as prazas son limitadas. Por outra banda, haberá unha zona de xogo libre que contará con inchables de salto, unha diana xigante e unha portería de precisión, entre outras propostas.

A xornada rematará ás oito do serán cunha exhibición de Danza Urbana a cargo da Asociación Cultural Vella Escola. Durante as actividades cumpriranse os protocolos vixentes fronte á COVID. Dende o goberno local lembran que en caso de mal tempo, as actividades celebraranse no Multiusos Terra do Queixo.

VERÁN Hai que lembrar que Arzúa ten prevista unha ampla programación para os meses de xullo e agosto. O xoves 22 de xullo dará comezo un novo Ciclo de música na rúa En aberto co primeiro dos cinco concertos ao aire libre, un máis que en anos anteriores e que terán lugar na Praza de Galiza.

Rubens Consort será o grupo encargado de abrir esta edición cunha proposta de música de cámara a cargo deste trío de corda. Neste ciclo tamén se subirá ao escenario Aldara o 29 de xullo, MJ Pérez, Sabela King Trío e Acordeireta no vindeiro mes de agosto.

A programación de verán completarase coas exposicións na Capela da Madanela de Bo Camiño no mes de agosto e Arte na rúa en setembro. Tamén se levará a cabo a segunda edición do Serán Cativo o 31 de agosto despois da boa acollida desta novidade no verán anterior. Nesta ocasión contará cun obradoiro de xogos tradicionais e co espectáculo de música e contos de tradición oral titulado A formiga no carreiro.

Todas as propostas son adaptables aos protocolos que se vaian establecendo dende a Xunta.

Sinalización horizontal
Inversión municipal

··· O Concello de Arzúa vai acometer a renovación da sinalización horizontal na senda peonil entre a estrada N-547 e a AC-905. Investíranse 48.362,49 euros nunha actuación que contempla unha imprimación de slurry nunha superficie que abarca case os 5.000 metros cadrados.

··· O goberno municipal tamén levará a cabo a completa renovación da sinalización horizontal do núcleo urbano de Arzúa e dos lugares de A Fraga Alta e A Fonte Prata, na parroquia de A Castañeda. As parroquias de San Martiño de Calvos e Dombodán serán tamén obxecto de actuacións.

14 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.