Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Arzúa terá a desexada axuda para renovar o campo da feira

A Deputación financiará un 80 por cento da obra nunha zona de ocio de moito uso veciñal

A Deputación Provincial da Coruña vén de aprobar a concesión dunha subvención nominativa ao Concello de Arzúa que permitirá a renovación e mellora da zona de ocio situada ao carón do parque infantil, no campo da feira. Así o explican dende o goberno local, unha nova ca que din, arrancan agosto da mellor das formas posibles.

A achega provincial será posible grazas á aprobación dun convenio entre as dúas entidades para cofinanciar un proxeto de actuación que permitirá mediante un investimento de 167.433.68 euros mellorar e renovar unha zona céntrica do casco urbano moi transitada polos veciños e veciñas e polos numerosos peregrinos e turistas que a diario recalan neste espazo aproveitando a súa situación estratéxica e a súa comodidade e tranquilidade.

Do custo total da actuación, a Deputación Provincial asumirá un 80 % do total, facéndose cargo do 20 % restante o ente municipal. A aprobación do documento de colaboración fai realidade unha demanda trasladada dende hai meses polo goberno municipal de Alternativa por Arzúa e PSdeG-PSOE á Deputación Provincial en vistas do estado de deterioro no que foi ficando un espazo notablemente transitado.

Trátase de acondicionar e mellorar unha área de ocio situada ao carón do campo da feira, xunto ao parque infantil, onde están ubicados algúns aparellos que empregan as persoas maiores para facer exercicio físico. Tamén se atopan bancos de madeira que a diario son empregados polos peregrinos que fan parada en Arzúa para repousar neles durante uns intres.

O recinto é, ademais, zona de paso para as numerosas persoas que utilizan o campo da feira como aparcadoiro. Moitas das familias que, día a día, acoden cos seus fillos ao parque infantil, o único existente en todo o centro urbano, tamén pasean polo recinto e mesmo agardan nel mentres as súas crianzas desfrutan dos xogos do parque.

O paso do tempo e numerosas inclemencias meteorolóxicas ao longo dos anos foron facendo mella nel e provocando un estado de deterioro que urxe corrixir coa maior premura. Así, foi trasladada a necesidade do seu acondicionamento dende o goberno municipal á Deputación Provincial pola concelleira de Obras, Begoña Balado, que fixo fincapé na existencia de roturas nas plaquetas do pavimento, o deterioro dos alcorques que rodean as árbores e o levantamento de raíces.

04 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.