Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Suman o 80% das achegas outorgadas en toda a provincia // Repártense case cinco millóns de euros entres 113 granxas para plans de mellora, incorporación de mozos á actividade agraria e pequenas explotacións // Lalín é o máis beneficiado TEXTO M. Boo

As axudas ó sector agrogandeiro centraranse no Deza e Tabeirós

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, outorgou axudas por 4.839.282 euros a prol de 113 explotacións e produtores agrogandeiros das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao abeiro da liña de axudas para plans de mellora, incorporación de mozos á actividade agraria e pequenas explotacións.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, informou destas concesións nunha visita a Gandeiría Coto SC, emprazada na parroquia de Vilela e beneficiaria destas achegas en convocatorias anteriores.

En concreto, a Consellería do Medio Rural favoreceu o desenvolvemento de 67 plans de mellora no último ano cunha achega de 3.204.782 euros e impulsou a incorporación de 41 mozos e mozas á actividade agraria cunha axuda global de 1.559.500 euros, ao tempo que colaborou con 75.000 euros en proxectos de pequenas explotacións. Estas achegas supoñen máis do 80% das outorgadas en toda a provincia de Pontevedra a través destas tres ordes de axudas, que na convocatoria deste ano repartirán 37,5 millóns de euros en toda Galicia.

En canto á distribución por municipios destas tres liñas, Lalín, con 37 beneficiarios, seguido de Rodeiro e Dozón, con 23 e 21, respectivamente, son os municipios coas cifras máis elevadas da provincia. Nas comarcas tamén figuran subvencións para 11 iniciativas de Agolada, oito da Estrada, seis de Silleda, catro de Vila de Cruces e tres de Forcarei.

Os beneficiarios repártense da seguinte maneira, segundo a tipoloxía. No que respecta á incorporación de mozos Lalín recibe 13 axudas, Rodeiro oito, Dozón sete, Agolada cinco, A Estrada catro, Vila de Cruces dúas, e Silleda e Forcarei unha cada un dos municipios.

Nos plans de mellora volve ser Lalín o máis beneficiado con 24, seguida de Rodeiro con 15, Dozón con 14, Silleda e Agolada con 4 cada concello, A Estrada con tres, Forcarei con dúas e Vila de Cruces con unha.

No que toca a pequenas explotacións hai dúas axudas para Agolada e unha para Silleda, Vila de Cruces e A Estrada.

A cifra total do importe das axudas é de 2.109.122 euros para Lalín, 305.460 para Silleda, 87.976 para Vila de Cruces, 1.701.526 para Rodeiro, 610.382 para Agolada, 1.312.989 pra Dozón, 258.565 para A Estrada e 135.700 para Forcarei.

VISITA A GANDEIRÍA COTO. O delegado territorial aproveitou para visitar as instalacións de Gandeiría Coto SC, xestionada por Xabier Vázquez Pardo e os seus pais Miguel e María, e para coñecer os investimentos e melloras realizados coas axudas da Xunta.

Esta explotación, adicada ao gando bovino de produción de leite e que supera o cento de cabezas, executou un plan de mellora consistente na construción dun cortello, unha fosa coa súa cubrición e unha sala de muxido. Ademais, en anos anteriores tamén recibiu achegas polo programa de incorporación de mozos á actividade agraria e para a adquisición de maquinaria, así como das partidas da Política Agraria Común (PAC).

O protagonista
“constitúen
o gran
motor da provincia”
Luis López
Delegado territorial da Xunta na provincia de Pontevedra

Durante a presentación das axudas ás explotacións, o delegado territorial da Xunta, Luis López, sinalou que “as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes son o gran motor agrogandeiro da provincia e por iso a Xunta ten un constante compromiso co seu desenvolvemento, progreso e futuro, que se demostra cos feitos e con este apoio, de case 5 millóns de euros nun ano, para que sigan enchendo as nosas despensas e xerando riqueza e emprego”.

{ Contra vento e marea }
É de xustiza
Manuel Boo

Presumimos os galegos da nosa gastronomía e, sobre todo, dos magníficos produtos dos nosos mares e a nosa terra. Pero non son bos tempos para os mariñeiros nin para o sector agrogandeiro. E as subas de luz e combustible aínda lle poñen as cousas máis difícis. Chega o momento de axudar para que non traballen perdendo cartos. Eles son unha parte importante na que se asenta a boa sona que Galicia ten fóra das súas fronteiras. E a maiores son un garante para o medioambiente, porque aínda que as vacas din que agora contaminan tamén axudan a manter coidados os nosos pastos co que significa para a supervivencia doutros seres vivos. Pero o que realmente importa é axudar a quen o precisa. E nestes momentos é de xustiza poñer o ollo nas nosas explotacións agrogandeiras.

08 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.