Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As bibliotecas amesás dan ás ao seu mes do libro cun programa que chama a ler

Trae novidosas actividades, coma unha escape room o 22 para atopar libros // Vai incluír obradoiros e presentacións literarias

Continúan as actividades das bibliotecas municipais do departamento de Cultura amesán polo mes do libro, despois da representación do espectáculo Little Neno o pasado día 31. E vanse incluír unha serie de obradoiros, sesións de narrativa oral, concursos e sorteos –de 800 euros coa entrega de vales por mercar nas catro librarías que colaboran–, sempre coa lectura e a literatura coma eixos centrais.

Hai que lembrar que dende 1996, conmemórase o Día Internacional do Libro o 23 de abril cunha xornada que de xeito anual trae unha programación especial nas dúas bibliotecas, coma vén de presentar a edil de Cultura, Natividade González, xunto ao persoal do departamento de Bibliotecas, Bibiana Calvo e Xoán Manuel Pérez. E ao fío, neste mes programouse máis narrativa oral para a cativada, coa sesión de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos, Unha lea de contos. Como é habitual, a actividade repetirase en tres xornadas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, sempre ás 17.30 horas. No Milladoiro a proposta desenvolverase os días 5, 6 e 7 de abril, mentres que en Bertamiráns terá lugar os días 19, 20 e 21.

O prazo de inscrición estivo aberto, para as sesións na biblioteca do Milladoiro, dende o luns 28 de marzo e ata o pasado 2 de abril, chamando ao 981 53 08 07 ou enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal. Pola súa banda, as inscricións para a biblioteca de Bertamiráns abrirán do venres 8 ao mércores 13 de abril, e será preciso chamar ao teléfono 981 88 48 29, ou ben escribir ao mesmo enderezo.

Neste mes tamén proseguirán as iniciativas de animación á lectura para a rapazada de 3º a 6º de Primaria. Haberá uns novos obradoiros, que nesta ocasión consistirán nunha actividade de escape room literario na que a rapazada terá que abrir todos os cadeados agochados nas bibliotecas. Os talleres desenvolveranse no Milladoiro o venres 22 de abril, ás 17.30 horas, mentres que en Bertamiráns a sesión terá lugar o sábado 23 ás 11.30 horas.

Ademais, dende o 4 ata o 20 de abril poderase reservar praza a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben no teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que no caso de Bertamiráns, o 981 88 48 29.

Do mesmo xeito, o público adulto poderá gozar dos xa habituais encontros literarios, que en abril traen a varios autores amesáns. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá o xoves 7 a Charo Pita e a Carlos Labraña, mentres que o xoves 21 será a quenda de Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar, ambas propostas ás 20.00 horas.

A concelleira Natividade González, gabou as iniciativas que se veñen poñendo en marcha dende o departamento de Bibliotecas, e animou á veciñanza a sumarse a estas e a futuras propostas: “Os nosos veciños e veciñas poderán gozar dunha intensa e extensa programación durante o mes de abril co motivo do mes do libro, unha data que en Ames celebramos con moito entusiasmo. Conmemoracións coma esta poñen en valor tanto o esforzo e o traballo do persoal das bibliotecas, como a riqueza cultural existente no noso concello con todas as propostas para todos os públicos”.

No que atrinxe á eleción da efeméride do 23 de abril, fixouse porque nesa data foi soterrado Miguel de Cervantes (faleceu o día anterior), e finou no Reino Unido Willian Shakespeare (un 3 de maio no almanaque gregoriano).

Lenda, Máimonen, Huargo Artis e O Tinteiro repartirán ata 800 € en cheques pra mercar
A efeméride inclúe o 23 contos, espectáculo e a presentación de textos gañadores no 2021

Durante o mes do libro, os lectores máis fieis verán recompensadas as súas visitas ás librarías amesás. Concretamente Lenda, Máinomen e Huargo Artis, en Bertamiráns, e a papelaría O Tinteiro, do Milladoiro, participan no sorteo de ata 800 euros en vales regalo para realizar novas compras nas propias librarías. Cada unha repartirá oito cheques de 25 euros, que se sortearán o 27 de abril.

Ademais, a rapazada amesá poderá presentar os seus debuxos a un concurso organizado polo departamento de Bibliotecas, no que os mellores deseños levarán un lote de libros e ocuparán uns marcapáxinas conmemorativos que se repartirán o Día da Biblioteca, o próximo 24 de outubro. Haberá dúas categorías: a primeira, de 6 a 9 anos, mentras a segunda irá dos 10 aos 12. Os debuxos poden presentarse nas propias bibliotecas ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, do 1 ao 30 de abril.

Para pechar este mes conmemorativo, o sábado 23 de abril o Concello de Ames celebrará o Día do Libro con varias actividades ao longo da xornada. A xornada comezará ás 12.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, que acollerá a presentación da recompilación dos textos gañadores da edición de 2021 do Certame Literario de Ames. Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, arrincará na praza de Chavián o espectáculo itinerante A Tropa do Doutor Milagre, que logo pasará pola praza da Maía e o Pazo da Peregrina. No propio pazo, ás 18.30 horas, Charo Pita conducirá unha sesión de contacontos infantil, mentres que unha hora despois, ás 19.30 horas, haberá unha proposta similar para os adultos, con servizo de conciliación.

04 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.