Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ROMARÍAS. As Virxes dos Milagres e
a da Barca mobilizaron a milleiros de devotos // Moitos deles peregrinaron a pé ata os respectivos santuarios

As mareas de fe asolagan Amil, Muxía e Caión

Din que a fe move montañas, pero tamén é capaz de desencadear mareas humanas como as que este domingo asolagaron os santuarios das Virxes dos Milagres de Amil (Moraña) e Caión (A Laracha) e tamén o da Virxe da Barca, en Muxía. Milleiros de fieis, moitos deles chegados a pé desde lugares moi diversos, acudiron a súa cita anual para presentar as súas peticións e ofrendas.

En Amil, este ano, por vez primeira, celebraron o Santo Rosario de madrugada (ás 4.30 horas), seguido dunha procesión de candeas que xuntou a moita xente, aínda que a gran masa de fieis congregouse ao medio día na misa solemne e na posterior procesión das Sagradas Imaxes. A Virxe dos Milagres levaba o seu manto ateigado de billetes, froito das ofrendas dos seus fieis.

Ata Muxía chegaron tamén milleiros de devotos da Virxe da Barca para acompañar á santa no día grande dunha romaría declarada de Interese Turístico Nacional. O acto central comezou pasado o mediodía. Os fieis participaron dunha multitudinaria misa de campaña, á que seguiu a tradicional procesión ata o porto muxián. Unha auténtica marea humana acompañou á Virxe, que foi recibida na zona portuaria coa maior traca de bombas de Galicia. Despois, o párroco, Manuel Liñeiro, impartiu a bendición a todos os asistentes antes de regresar, de novo en procesión, ata a igrexa parroquial, onde pernoctou a Virxe da Barca ata este luns, que regresará ao seu santuario ao mediodía.

Moitos dos romeiros cumpriron tamén cos ritos das pedras milagreiras que bordean o santuario muxián, pasando nove veces por debaixo da mítica Pedra dos Cadrís e subíndose á coñecida Pedra de Abalar, a pesares de que hai xa varios anos que deixou de oscilar, debido á rotura da mesma durante un forte temporal de mar.

A romaría, definida por moitos como a máis popular de Galicia, chegará este luns ao seu fin despois de cinco días de fe e diversión. Ás 12.00 haberá unha tirada de 21 bombas de palenque e, despois da procesión e da misa solemne no santuario, chegarán as últimas notas musicais a cargo da orquestra Escaparate, que animará a sesión vermú e compartirá escenario na verbena co grupo Los Coleguitas.

Pola súa banda, en Caión (A Laracha), a Virxe dos Milagres regresou á igrexa parroquial despois dunha semana de estancia no seu santuario. Volveu acompañada igualmente dunha marea de fieis que a seguiron en procesión. Outros esperaron a súa chegada na praza da vila, onde foi recibida con aplausos.

12 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.