Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As ‘Mulleres do Nordés’ da muxiana Viki Rivadulla viaxan ó Vello Cárcere de Lugo

MUXÍA. A mostra Atlánticas. Mulleres do Nordés, da artista muxiana Viki Rivadulla, segue a percorrer Galicia e, de xuño a agosto, fará parada no centro sociocultural O Vello Cárcere, de Lugo. Unha exposición composta por trinta obras pictóricas que ten como protagonistas ás mulleres do mar. “Son mulleres traballadoras, activas, redeiras, peixeiras... coas que quero dar visibilidade a eses oficios femininos que están invisibilizados socialmente”, afirma a autora que, ao mesmo tempo, fai unha chamada de atención a través das súas obras “do perigo que vive o mundo do mar”.

Viki Rivadulla fuxe nas súas pinturas da iconografía máis clásica, que amosa a mulleres que esperan polos homes que traballan no mar, outorgándolle a elas un papel protagonista e convidando ao espectador a mirarlle de fronte e apreciar todos os seus matices. Por iso, as obras desta colección están centradas nos bustos e cabezas das protagonistas, resaltando as súas miradas.

A exposición xa pode visitarse no espazo Celas de Mulleres do primeiro andar de O Vello Cárcere lucense e, en vindeiros días, a artista muxiana desprazarase ata alí para participar nunha inauguración oficial que conxugará actos poéticos e artísticos. Atlánticas. Mulleres do Nordés veu a luz por primeira vez no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, onde obtivo unha gran acollida, segundo afirma a súa autora. Despois da súa estancia en Lugo, está previsto que recale tamén na Costa da Morte e o vindeiro ano pasará por Pontevedra.

Co fin de que perdure no tempo, Viki Rivadulla está a preparar tamén un libro sobre esta exposición “porque é a forma de conservar a obra na memoria”, afirma. Paralelamente, está a idear un novo proxecto pictórico ao tempo que ultima outras obras coas que ilustrará varias publicacións literarias.

05 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.