Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Deputación coruñesa promove un programa de visitas guiadas que actúa como espazo de encontro // O proxecto achega os recursos culturais e patrimonias da ría de Muros-Noia a preto de catrocentas socias do colectivo Fademur TEXTO Manuel Boo

As mulleres rurais embarcan no balandro ‘Joaquín Vieta’

A deputada provincial de Igualdade, María Muíño, acompañou a un grupo de mulleres das Asociacións de Mulleres Rurais Amurusa (Santiso) e A Maristela (Sobrado) na visita guiada pola ría de Muros-Noia a bordo do balandro Joaquín Vieta, con base no porto do Freixo, en Outes.

Esta visita enmárcase no apoio da Deputación Provincial da Coruña, a través da área de Turismo, á Asociación Balandro Joaquín Vieta programando unha serie de saídas específicas para socias da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) e nas que están a participar preto de 400 mulleres e as súas familias durante este verán.

O obxectivo das rutas é, dunha banda, contribuír a reactivar o tecido económico e social na provincia fomentando o turismo interno e de proximidade, e doutra ofertar actividades específicas para o colectivo de mulleres do ámbito rural.

A deputada de Igualdade, que no inicio da travesía foi recibida polo alcalde de Outes, Manuel González, e polo presidente da Asociación Balandro Joaquín Vieta, Pedro Arufe, salientou que “este tipo de saídas proporcionan espazos de encontro entre mulleres de diferentes asociacións nun momento no que é necesario retomar as actividades culturais e sociais propias dos colectivos de mulleres rurais, posto que elas mesmas indican que esta é unha das primeiras saídas programadas desde o inicio da pandemia”.

Doutra banda, María Muíño tamén quixo facer fincapé en que “con esta iniciativa estamos a proporcionar unha oportunidade de ocio cultural de calidade vinculado aos recursos patrimoniais da provincia”.

Precisamente un dos puntos clave deste programa de visitas é a oportunidade de coñecer de primeira man un elemento patrimonial único e diferenciador como é o balandro Joaquín Vieta: o veleiro en activo máis antigo de Galicia e un dos barcos máis representativos e mellor coidados tanto da provincia da Coruña como do país.

A visita está guiada por membros da Asociación Balandro Joaquín Vieta que explican, ao longo de preto de dúas horas de travesía pola ría, a historia do propio barco e o traballo de conservación que están a realizar desde a asociación, ao tempo que van facendo un repaso polos recursos naturais da contorna con especial énfase nos aspectos máis vinculados á tradición mariñeira e ao banco marisqueiro natural da ría, do que viven máis de 1.000 familias na actualidade. Tamén explican a importancia da actividade industrial mariñeira vinculada ao propio porto do Freixo e, nomeadamente, á tradición da carpinteiría de ribeira da que o Joaquín Vieta, construído en madeira de pino e carballo, é un dos mellores exemplos.

Por último, salientar que o papel da muller no mundo mariñeiro tamén foi motivo de especial interese na travesía, na que se abordaron cuestións como a superstición de que as mulleres eran portadoras de mala sorte, de feito na época de construción do Joaquín Vieta non podían subir á embarcación, ata o tipo de nave na que si lles era permitido navegar, como era o caso dos denominados Sancosmeiros.

UN VELEIRO CON HISTORIA. O balandro Joaquín Vieta é o veleiro en activo máis antigo de Galicia. Trátase dunha embarcación construída en 1916 nos estaleiros do Freixo, no concello de Outes. O encargado do mesmo foi Joaquín Vieta Ros, e o papel da embarcación era o transporte de mercadorías desde Vigo a Muros para a subministración de todo tipo de materiais ao servizo da flota pesqueira dese porto. Con dous paus e dezaoito metros de eslora, a embarcación leva máis dun século de funcionamento ininterrompido. No ano 2010 rehabilitouse como buque de recreo e museo da súa propia historia, destinando as súas saídas a visitas pola ría de grupos, combinando actividades na cuberta e no seu interior, xa sexa como sala de actividades ou de reunións ou acollendo interesantes exposicións.

areadecompostela@elcorreogallego.es

30 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.