Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Once mozos e mozas procedentes de distintos puntos de Galicia, España, México e Italia fixeron traballos de acondicionamento no xacemento da vila de Rois // A iniciativa enmárcase no campo internacional de voluntariado TEXTO Claudina Estévez

As murallas do Castro Lupario ao descuberto trala limpeza

O Castro Lupario de Rois foi obxecto de varios traballos nas últimas semanas de man das once persoas mozas que participaron nunha nova edición do campo internacional de voluntariado neste xacemento arqueolóxico. O rexedor, Ramón Tojo, puido comprobar in situ como os labores de limpeza e acondicionamento permiten agora circundar as murallas defensivas, a maioría das cales chegou a ter ata catro metros de altura.

O alcalde acompañou despois aos participantes ao Pazo do Faramello para ofrecerlles un petiscos típicos e agasallos cunha placa do Concello de Rois, agradecéndolles así a súa axuda para pór en valor o patrimonio roisense e “para que lembredes a vosa estadía entre nós, nunha contorna que non podemos menos que cualificar de privilexiada e que agardamos que levedes para sempre no corazón”.

Os mozas e mozos que participaron no campo de voluntariado xa se despediron de Rois logo de realizar prácticas de arqueoloxía e traballos de acondicionamento no Castro Lupario dende o pasado día 8 de agosto. En concreto, limparon de vexetación a parte exterior das murallas e axudaron a talar aquelas árbores que as estaban danando, ademais de facer tarefas de medición ou catalogación, avanzando na revalorización do castro para que máis adiante se poidan desenvolver escavacións da man de profesionais.

A limpeza que os voluntarios realizaron no castro facilita distinguir nestes momentos as dúas liñas de muralla e percorrelas no seu perímetro, o que incrementa o atractivo para os visitantes pois non hai que esquecer que, con catro metros de altura, o Castro Lupario constitúe un xacemento excepcional e un dos máis relevantes da zona. O seu valor patrimonial e turístico increméntase grazas ás espectaculares vistas que ofrece e á crenza de que se trata do emprazamento no que residiu a lendaria raíña Lupa.

O arqueólogo David Fernández Abella dirixiu un ano máis os traballos no xacemento, apoiado polas súas colegas Goretti López e Fátima Sánchez. Ademais do Castro Lupario, os participantes no campo documentáronse sobre outras áreas arqueolóxicas de Rois como a necrópole megalítica de Codeso, o xacemento de A Capela, o castro Socastro ou os petróglifos do Monte Pedral e do Faramello. Este último catalogouse precisamente a raíz do desenvolvemento do campo de voluntariado do ano pasado grazas ás indicacións de veciños de Angueira de Castro.

Os once mozas e mozos participantes no campo de voluntariado, de entre 18 e 25 anos e procedentes de Italia, México, Euskadi, Cantabria, Sevilla, Málaga, Zaragoza, Madrid, Ferrol, A Coruña ou Nigrán, aproveitaron así mesmo as tardes e as fins de semana para coñecer outros lugares de Galicia e da contorna e familiarizarse coas costumes, as tradicións e, por suposto, a gastronomía. Visitaron Santiago e Padrón, O Ézaro e Fisterra, Catoira e Cesures e, como non podía ser menos, a praia de Seira ou o pazo de Faramello en Rois. Con intereses en diversos campos, como demostran o seus estudos en Deseño téxtil, Medicina, Farmacia, Enxeñería, Económicas ou Filosofía, valoraron moi positivamente o intercambio de coñecementos e amosáronse moi satisfeitos coa experiencia.

No acto no que o alcalde de Rois lles entregou as placas do Concello e os diplomas da Dirección Xeral de Xuventude, que promociona os campos de voluntariado internacional, estiveron tamén presentes o director do campo de voluntariado, Xulio Varela, e as dúas monitoras que acompañaron ao grupo durante a estadía.

22 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.