Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“As pequenas historias” da pluma novel de Inma Vilariño

A xornalista lalinense presentou a súa novela ‘O Naranxo do Trasmundo’, que busca achegar o patrimonio os máis novos

“Este libro é unha historia de pequenas historias, co que se trata de poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial como legado para os máis novos a través dun personaxe popular destas terras, O Naranxo”. Así definiu a xornalista Inma Vilariño Vázquez a súa primeira novela, titulada O Naranxo do Trasmundo, que foi presentada onte no Pazo de Liñares nun acto na que a novel literata estivo moi arroupada.

A autora explicou que a novela “son relatos contados en primeira persoa polo Naranxo desde o alén, desde o Trasmundo onde vive tras a súa morte terreal, e desde onde nos vai contando as súas peripecias con outros personaxes que se vai atopando ou que lembra”. Son personaxes de Lalín, como Laxeiro, Ramón María Aller, Joaquín Loriga, o matemático Rodríguez, Daniel Varela Buxán, Antón Lamazares, Daniel González Alén, María Lajosa, Paco Lareo, Alfonso Sucasas, Plácido Rozas ou a condesa medio lalinense Pardo Bazán, que está de centenario e á que se dedica un dos relatos.

O Naranxo no Trasmundo, que conta cun prólogo do profesor Manuel Gago, é unha obra de ficción composta por pequenas historias baseadas na tradición oral “onde personaxes coñecidos e anónimos se dan a man”, expicou Vilariño, quen dixo que tamén quere render homenaxe á faceta de Laxeiro como escritor.

A primeira obra literaria de Vilariño, publicada por Edicións Fervenza co apoio económico da Xunta, da empresa lalinense GSI Dotación Industrial e do Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela, foi presentada pola autora no Pazo de Liñares, nun acto que conduciu a concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco, e que contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; de Miguel Villar, representante da ilustradora Amalia López Brea Luchi (en quen delegou ao non poder asistir ela por motivos persoais); do cronista do Deza Daniel González Alén, que fixo o preludio introdutorio do libro no que contextualiza a época histórica na que viviu o Naranxo; e da escritora e profesora Charo Golmar, quen elaborou o epílogo desta publicación, ademais de diverso público.

20 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.