Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 30 noviembre 2021
02:47
h

¿Asasinato ou accidente? O misterio sen resolver do poeta Faustino Rey: o cura de Isorna

Rianxo celebrará o sábado 16 cunha gala musical os cen anos do nacemento e os cincuenta do falecemento do ilustre persoeiro

O día 20 de decembro de 1971 falecía en Bos Aires, en estrañas circunstancias, un dos persoeiros ilustres de Rianxo: Faustino Rey Romero, o cura de Isorna que, ademais, era poeta. Un crego castigado pola Igrexa polo seu inconformismo e que levou a cabo unha labor docente, solidaria e literaria. Cincuenta anos despois da súa morte, permanece aínda o misterio sobre se se tratou dun accidente, dun asasinato ou dun suicidio.

Para conmemorar os 100 anos do seu nacemento e os 50 do seu falecemento, a Irmandade da Música Galega organizou unha gala adicada a Faustino Rey, que terá lugar o vindeiro sábado 16 no auditorio rianxeiro. E o día 18 de decembro presentarase unha edición facsimilar ilustrada dunha das súas obras poéticas: Escolanía de melros.

Pero, quen foi? Que fixo?

Faustino Rey naceu abrazado á pobreza e á humildade o día 27 de outubro de 1921 na parroquia rianxeira de Isorna. Foi un neno soñador, curioso e faladeiro. Estudou no mosteiro de San Antonio de Herbón, en Padrón, onde descubriu a figura de Francisco de Asís, que sería un referente para el. Seu pai impediulle que se converta en franciscano, como era o seu desexo, e continuou os estudos no convento de San Francisco en Santiago. En 1941 comezou a estudar Filosofía no seminario San Fernando, en Ourense, pero o bispado ordenoulle abandonalo debido ó seu carácter “revolucionario”, finalizando os estudos no seminario de Tui, onde se ordenou presbítero no ano 1948.

O seu primeiro destino foi como capelán nas zonas de Mos e Arbo. Alí, debido á súa actitude cos pobres, os demais cregos táchano de comunista, e enfróntase ca falanxe ó negarse a oficiar unha misa en memoria de Primo de Rivera. Estivo destinado tamén en Tui e Tomiño (onde creou unha escola).

Pero os numerosos enfrontamentos que protagoniza e os rumores sobre el (dorme na casa de tres irmás solteiras, búrlase dos poderes fácticos e escribe poemas contra os caciques), colmaron a paciencia do bispo de Tui.

Logo foi castigado a un mes de reclusión no convento do Carme en Padrón, e quitáronlle a parroquia provisionalmente. Rey Romero intentou marchar ó estranxeiro, pero a Igrexa negoulle o pasaporte (devolvéronllo despois de seis anos de penitencia).

En 1966 instalouse en Bos Aires, onde viviu ata a súa morte. O día 18 de decembro de 1971, tras asistir a unha cea no Centro Galego, encóntrano tirado con múltiples fracturas e trasladárono ó Policlínico Ramos Mejías en estado moi grave. Faleceu o día 20.

Non se lle realizou a autopsia. Foi soterrado no cemiterio de La Chacarita. A versión oficial foi que a súa morte foi un accidente, pero existen dúbidas ó respecto. Rumoreouse que puido ser un asasinato debido á súa relación cun grupo guerrilleiro que quería derrocar ó goberno, e tamén que puido ser un suicidio porque perdera a ilusión.

Deixa obras poéticas e teolóxicas. Dende 1987 as súas cinzas repousan en Isorna.

Os alumnos da escola taller Carnero Valenzuela elaboraron un espazo na web municipal sobre a súa biografía.

06 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.