Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
PESCA. Este sábado comeza un novo período de veda para protexer a reprodución e favorecer unha explotación sustentable // Na última campaña as rulas do litoral de Área comercializaron preto de douscentos mil quilos desta especie TEXTO J. M. Ramos

Ata novembro non volverán as centolas da ría ás lonxas galegas

A veda da centola na parte litoral que vai dende A Guarda ata Cabo Corrubedo e de Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares comeza este sábado, 25 de xuño, e prolongarase ata o vindeiro 6 de novembro, incluído. Na zona comprendida entre Cabo Estaca de Bares e o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, retrásase o comezo da veda ata o dous de xullo e prolongarase ata o vinte e sete de novembro, segundo informa a Consellería do Mar.

Así o establece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2022-2023, publicada no Diario Oficial de Galicia e que neste caso establece vedas diferenciadas para as dúas especies. Así, no caso do boi, a veda prolongarase en todo o litoral de Galicia dende as 00.00 horas do sábado 3 de setembro ata as 00.00 horas do domingo 6 de novembro.

Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte en augas de Galicia. Defeito, as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto.

A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos pesqueiros do noso litoral.

Unha veda que chega logo dunha boa campaña, semellante á de 2020/21, cun volume de capturas que se achegou aos 200.000 quilos poxados nas lonxas do litoral de Área de Compostela, comprendido entre Caión (A Laracha) e Rianxo. Un prezado produto que xerou unha facturación de 1.644.630 euros, sendo a lonxa de Ribeira a que maior volume de centolas mobilizou (110.000 quilos) e tamén a que máis ingresos xerou por esta especie (máis de 978.000 euros), segundo os datos de Pesca de Galicia.

Pola súa banda, a rula de Muros poxou máis de 28.500 quilos, que supuxeron uns ingresos para o sector de máis de 207.500 euros. Na Costa da Morte, a lonxa de Laxe foi a que máis centola mobilizou, superando os 24.500 quilos, polos que facturou preto de 180.000 euros, seguida da de Fisterra, con máis de 10.100 quilos e uns ingresos de 97.000 €.

En Camariñas poxaron máis de 7.000 quilos (preto de 40.000 €) e en Malpica de Bergantiños superaron os 4.700 quilos (32.700 €). Nos porto de Lira (Carnota) descargáronse algo máis de 3.000 kg, polos que se pagaron máis de 33.700 €, e no de Corcubión superaron tamén os tres mil quilos, que xeraron uns ingresos de algo máis de 22.000 euros.

En canto ao prezo medio, a mellor cotización acadouse en Fisterra cunha media de 9,82 euros/quilo, mentres que en Ribeira situouse en 8,54 €/kg, en Muros acadou os 7,82 €/kg e en Laxe cotizouse a 7,26 €/kg.

Pola súa banda, os exemplares de maior calidade e, polo tanto, os mellor pagados, chegaron a acadar os 47 euros o quilo en Fisterra e os 44,66 na localidade de Ribeira.

Unhas cotizacións que acadaron os seus valores máis altos nas datas previas ao Nadal, por ser a centola e o boi dous dos mariscos máis solicitados para esas celebracións.

{ Pasaba por aquí }
Regresarán para o Nadal
Manuel Lavandeira

Aínda que moitos botarán de menos non poder levar ás súas mesas unha boa centola ou un prezado boi, o máis importante é facer unha boa xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros para garantir a súa sostibilidade no tempo. É preciso respectar os procesos de reprodución para que os caladoiros recuperen os seus recursos e que o vindeiro Nadal todos poidamos degustar estas prezadas especies. Ademais, os profesionais do mar saben ben que hai unha tempada para cada especie e aseguran que, no caso das centolas, non acadan o seu óptimo punto de calidade ata que se achega o fin de ano. Agardemos pois a que a natureza faga o seu labor para que nesas datas tan sinaladas as centolas e os bois enchan de novo as lonxas.

As descargas de boi roldaron as oito toneladas

O boi, outro dos prezados mariscos das rías galegas, tamén se ausentará das rulas galegas entre os vindeiros meses de setembro e novembro, nos que tamén estará prohibida a súa captura nas nosas costas.

Un parón na pesquería que porá fin a unha campaña que, ata o de agora, achegou ás rulas do litoral de Área de Compostela case 8 toneladas desta especie, das cales máis da metade foron poxadas no porto de Ribeira, onde se descargaron máis de 4.600 quilos. No resto, só a lonxa de Fisterra superou os 1.000 quilos de boi no que vai de tempada. Esta especie xerou un volumen total de ingresos, entre Caión e Rianxo, de máis de 70.700 €, dos que máis de 41.000 foron facturados en Ribeira.

O prezo medio situose en 8,7 €/kg no porto ribeirense, mentres que en Fisterra acadou os 9,7 euros por quilo. A cotización dos mellores exemplares oscilou entre os 7 €/kg na rula de Corcubión e os 21 €/kg na lonxa de Malpica de Bergantiños.

Vanse as centolas e o boi das lonxas galegas, pero a partir do vindeiro día 4 de xullo volverá o polbo despois de seis semanas de veda, unha das especies máis valoradas e prezadas, e das que máis ingresos xera para boa parte da frota artesanal de baixura do noso litoral. J. M.

25 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.