Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Caldas celebrou, con éxito de participación, a segunda andaina divulgativa para dar a coñecer a gran variedade de especies que habitan os ecosistemas deste curso fluvial // As árbores de ribeira, como os bidueiros ou os abeneiros, as libélulas, os anfibios e as lontras foron protagonistas TEXTO María Rendueles

Atraídos pola biodiversidade do Umia

As marxes do río Umia volveron ser na fin de semana o escenario dunha andaina impulsada polo Concello pontevedrés de Caldas de Reis para pór en valor e dar a coñecer a gran variedade de especies que habitan os ecosistemas deste curso fluvial que atrae a moitos curiosos. A camiñata contou cunha importante e activa participación veciñal.

Así, o percorrido partiu sobre as 10.00 horas da zona das Corticeiras e finalizou na fervenza de Segade pasadas as 14.00 horas. O experto local na biodiversidade do Umia, Santiago Monteagudo, fixo de guía e dirixiu os procesos de observación e identificación de especies.

Ao longo do traxecto as persoas participantes na proposta divulgativa observaron e identificaron as diferentes especies tanto animais como vexetais (aves, anfibios, insectos, plantas, árbores, etcétera) presentes nunha contorna natural de enorme valor biolóxico. Entre outras explicacións, Santiago Monteagudo precisou “a emerxencia de vida tan chamativa que habita as ribeiras do Umia ao seu paso por Caldas e o interese da vida en movemento que por el discorre”.

Destacar que entre esta espectacular biodiversidade foron as árbores as que centraron gran parte da atención. Os sendeiristas puideron observar abeneiros, bidueiros, sabugueiros co seu característico tronco oco, freixos, salgueiros, bimbieiros e diferentes variedades de arces autóctonos como o europeo, orixinal das beiras do Umia, ou o arce branco cuxas orixes, segundo precisaron, poden estar nas repoboacións feitas a comezos de século.

SAPOS E RAS As libélulas e os cabalos do demo tamén tiveron o seu protagonismo, tendo en conta que a confluencia de varias canles fluviais e a diversidade de ecosistemas hidrolóxicos que conforman fan de Caldas un enclave ideal para a vida destes insectos.

O experto, explicou que na actualidade ten rexistrado nos ríos do termo municipal ata 35 das 50 especies que habitan en Galicia e que durante a andaina puideron observarse unha boa parte delas.

Doutra banda coñecéronse diferentes especies de anfibios, que por sorte son aínda comúns neste ecosistema. En Caldas pódense descubrir por exemplo: o sapo común, o sapo raxado, típico das beiras do Umia e herbazais próximos, a ra de San Antón, unha pequena ra arborícola que está en recesión nos humidais galegos e que se pode atopar nos canaveirais.

MELLORA SIGNIFICATIVA O concello de Caldas tamén alberga importantes poboacións de ra patilonga, un pequeno anfibio que é típico atopar entre os cantos rodados entre a Pontella e a Ponte Romana de Segade; ou de ra verde, a ra típica das beiras do Umia, onde se pode apreciar descansando na auga ou tomando o sol nas súas beiras.

Xunto coa vexetación, os insectos e os anfibios, as lontras tamén tiveron un papel destacado na andaina e unha parella deixouse ver durante un bo tempo para ledicia de tódolos presentes. Así mesmo, no percorrido observáronse diferentes especies de aves como os ánades azulóns, entre outras.

Para o experto en biodiversidade “é un orgullo ter no propio casco urbano uns ríos naturalizados con tanta riqueza e biodiversidade”. Ao longo da xornada destacouse a importancia da vexetación presente no cauce do río. As canas e as plantas flotantes son parte fundamental para o hábitat de insectos, réptiles, aves, e para as propias lontras.

É por iso polo que o Concello de Caldas quixo lembrar que todas as actuacións levadas a cabo no río débense executar baixo “estritos parámetros técnicos”. Neste sentido, Montegudo apuntou que “dende que se deixaron de facer dragados do cauce e rozas indiscriminadas a biodiversidade do río mellorou moito”, algo que aplauden.

20 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.