Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
PLAN. Corenta e catro concellos de Área de Compostela repartiranse 5,1 millóns de euros, a metade da partida, para mantemento, reparación de firme, pavimentación e renovación de sinalización // O orzamento deste ano medra un 27 % TEXTO S. Souto

Avanza a 6.400 € por quilómetro a mellora de estradas na comarca

A Deputación Provincial da Coruña licita por 10.103.981,93 euros o Plan de Conservación de Vías Provinciais. O orzamento supón un 27 por cento máis que o ano pasado, no que foi de 7,9 millóns de euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 29 de marzo.

“O plan contempla a execución de traballos de mantemento, reparación do firme e pavimentación nos máis de 2.100 quilómetros de estradas cos que conta a rede viaria da Deputación. Todas estas actuacións están destinadas a mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade viaria e reducir a siniestralidade nas estradas da provincia”, explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

A maior parte dos investimentos destinaranse á renovación de firmes e capas de rodadura (63,2 %) e renovación da sinalización vertical e horizontal (14,6 %), mentres que a apertura e limpeza de cunetas suporá preto do 5 % dos investimentos e a instalación de defensas viais ou obras de drenaxe, un 15 % cada unha, respectivamente.

Ademais do Plan de Conservación, o servizo de Vías e Obras da Deputación conta cun plan de reperacións urxentes e outro destinado exclusivamente á roza e limpeza das marxes das estradas provinciais, que supón un investimento adicional de 3,5 millóns anuais, que inclúe a limpeza das marxes de todas as estradas varias veces ao ano, para mellorar a visibilidade da circulación, evitar a propagación de incendios e facilitar a drenaxe de augas pluviais.

No ámbito territorial de Área de Compostela actuarase en 44 concellos, nos que se acometerán actuacións por un total de 5.164.162 euros, é dicir, a metade do orzamento previsto para toda a provincia.

DE MELIDE A RIBADULLA. Así, destínanse 156.021 € a Frades, Ordes, Oroso e O Pino; 340.897 € a Melide, Santiso, Sobrado e Toques (dos que 144.321 € serán para a vía de Melide a Ribadulla); 263.825 € a Arzúa, Boqueixón, O Pino e Touro; 419.316 € a Carballo, Cerceda e A Laracha (dos que 158.621 € serán para a vía de Sofán a Piña); 377.448 € a Cabana, Malpica e Ponteceso; 165.924 € a Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo; 135.640 € a Cee, Corcubión, Dumbría e Mazaricos; 244.128 € a Ames, A Baña, Negreira e Val do Dubra; 260.156 € a Ordes, Santiago, Tordoia, Trazo e Val do Dubra; 223.192 € a Mazaricos, Lousame e Noia; 368.317 € a Brión, Dodro, Padrón e Rois (dos que 201.449 € serán para as vías de Gándara a Amanecida e da Esclavitude a San Xulián de Laíño e ramais); 301.034 € para Ames, Santiago, Teo e Vedra (dos que 125.742 € serán para a vía de Catro Camiños a Campos por Oza); 195.107 € para Boiro e Rianxo; 560.417 € para A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira (dos que 82.591 € serán para a vía de Ribeira a Aguiño por Castiñeiras); 214.821 € para a estrada DP-1914 de Carballo a Portomouro; e 336.062 € para a DP-3404 de Serra de Outes a Dumbría.

CORISTANCO-CEREO. Asimesmo, contémplase un investimento de 314.738 euros para os concellos de Coristanco, Santa Comba e Zas, dos que 134.615 euros serán para actuar na vía Coristanco-Cereo.

comarcas@elcorreogallego.es

o protagonista
“É TAN ESENCIAL CONSERVAR VÍAS COMO FACELAS”
José Manuel Pequeño
Deputado provincial de Vías
e Obras

Os programas de Conservación, Reparación Urxente e Desbroce das estradas que forman a rede provincial suman este ano un investimento de máis de 6.400 euros por quilómetro, segundo apunta o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, quen entende que “o traballo de mantemento e conservación da rede de estradas da Deputación coruñesa nas mellores condicións é tan importante como a construción de novas infraestruturas para a seguridade viaria”.

{ A LETRA PEQUENA }
Cuestión de seguridade
Suso Souto

FACER actuacións periódicas e planificadas na rede viaria non debe entenderse como un gasto en conservación, senón como un investimento en seguridade. Dos condutores e dos peóns. O incremento orzamentario realizado pola Deputación da Coruña no novo plan para poñer a punto máis de 2.000 quilómetros de vías demostra o compromiso da institución nese eido. Porque, efectivamente, tan importante como construír novas estradas é realizar nelas un axeitado traballo periódico de conservación. Iso é o que adoita haber detrás do mal estado que moitas veces converte as vías en perigosas ou, directamente, en intransitables: a falta de mantemento que fai que un lento deterioro dé paso á destrución ou ó colapso da estrutura.

20 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.