Axudas para mercar vivenda en 14 concellos de Costa da Morte
A Xunta de Galicia convocará este mes as axudas dirixidas a menores de trinta e cinco anos para a adquisición de vivendas en municipios de menos de 10.000 habitantes. Cun orzamento de, como mínimo, 1,5 millóns de euros, este novo programa permitirá que os mozos galegos poidan acceder a subvencións de ata 10.800 euros para mercar a súa primeira vivenda habitual.
Así o anunciou este luns en Cabana de Bergantiños a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e máis de 130 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 16 concellos que integran a área de Costa da Morte, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano, poñendo a disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.
No caso concreto das axudas a persoas mozas para contribuír ao reto demográfico, explicou que resultan de especial interese para Galicia, unha comunidade na que, segundo subliñou, 257 dos seus 313 concellos teñen menos de 10.000 veciños e onde, polo tanto, os menores de 35 anos poderán beneficiarse deste tipo de incentivos á hora de comprar a súa vivenda.
Tamén na Costa da Morte resultarán moi atractivas estas axudas entre os mozos que estean pensando en emanciparse. De feito, 14 dos 16 municipios que integran esta área (Cabana, Camariñas, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo, Zas e Cerceda) cumpren co requisito de poboación esixido para poder beneficiarse do programa. Neste sentido, cómpre lembrar que ao abeiro da convocatoria de 2021 das axudas para a adquisición de vivenda dirixidas a mozos, limitada neste caso a concellos de menos de 5.000 habitantes, houbo un total de nove beneficiarios na Costa da Morte: tres que compraron a súa vivenda habitual en Fisterra; outros tres que o fixeron en Corcubión; dous máis en Muxía; e un no municipio de Laxe.
Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, presentou os diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados. Así, no eido da rehabilitación e da mellora do patrimonio xa construído, a Xunta segue apostando por programas xa consolidados.
O alcalde de Cabana, José Muíño, destacou “o compromiso da Xunta cun dereito básico como o é a vivenda, nun dos contextos máis complexos que nos tocou vivir, cunha guerra en Ucraína e unha pandemia que, semella, veu para quedarse”.
Conselleira de Vivenda
Ángeles Vázquez referiuse tamén ás axudas para actuacións dentro da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago, que permanecerá aberta aínda ata o 30 de setembro e resulta de especial interese para a Costa da Morte, onde hai cinco municipios localizados dentro desta ARI. Deste xeito, subliñou que os particulares que teñan inmobles en Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra ou Muxía poderán optar a unha axuda de ata 25.000 euros para acometer obras de rehabilitación e, ao mesmo tempo, “mellorar a imaxe que reciben os peregrinos ao seu paso por estas zonas”.
a vivenda é un dereito fundamental que as administracións públicas deben garantir, ao tempo que deben velar para que o acceso á mesma sexa en igualdade de condicións. As axudas habilitadas buscan ese fin e, aínda que todo é mellorable, é importante que se prime tamén a compra de vivendas nos concellos pequenos, xa que isto axudará a fixar poboación nos mesmos e a reducir o risco de despoboamento do medio rural. Unha aposta que debe ir acompasada dun reforzo dos servizos básicos nestes territorios, xa que de nada servirá subvencionar a compra dunha casa se quenes desexen vivir no rural non dispoñen de centros educativos ou se recortan servizos sanitarios, como o de pediatría. A igualdade debe ser integral.