Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Baio dedica a nova praza a Jorge Mira

“Son ante todo baiés e o serei toda a vida”, afirmou o catedrático da Universidade de Santiago // Considera que este espazo axudará a “simbolizar o espírito do meu pobo”

Rodeado de familiares, veciños, representantes municipais de Zas, Vimianzo, Laxe, Fisterra e Cabana, e membros de distintas asociacións empresariais, culturais e sociais, o catedrático baiés Jorge Mira presidiu o acto no que, por acordo unánime da Corporación de Zas, se lle dou o seu nome á nova praza de Baio, a vila que o veu nacer e na que segue empadroado. Un espazo que xa é oficialmente a Praza Jorge Mira Pérez.

“Son ante todo baiés, e o serei toda a miña vida”, afirmou na súa intervención, ao tempo que agradeceu a todos os membros da Corporación local que pensasen nel para nomear a praza do seu pobo. “Tiven moita sorte na miña vida investigadora e académica, onde acadei moitos premios, pero non hai nada comparable con isto”, subliñou.

Resaltou que Baio é unha vila situada nunha encrucillada e, como tal, punto de encontro, o cal lle confire ás súas xentes un carácter especial. Comparou a nova praza coa ágora grega, un espazo onde todos confluían e que favorecía o contacto social, e amosou o seu convencemento de que “esta vai axudar a simbolizar tamén o espírito dos baieses”. Desexou ademais que “todos os veciños e veciñas a desfruten con saúde”.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, asegurou que dous grupos municipais con representación na Corporación local (BNG e PP) “coincidimos en que Jorge Mira era a persoa ideal tanto por ser un referente único en numerosos eidos académicos, sociais e culturais, como polo seu compromiso social para tratar de mellorar a vida dos seus veciños, e non só dos de Baio, senón de toda Costa da Morte”.

A “única tacha” que lle atopamos, engadiu, “é que estaba vivo, e non é moi habitual que se lle adiquen prazas ou rúas a persoas vivas, pero preguntámonos: por que non se pode desfrutar do recoñecemento dos teus veciños?, e por iso non dubidamos en adicarlle esta praza de Baio".

David Gómez, portavoz do PP, tamén considera que “Jorge é a persoa máis axeitada, tanto por todos os seus méritos como por presumir sempre de onde é”.

Pola súa banda, o presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Xosé María Lema, amosou o seu agradecemento ao Concello de Zas por este nomeamento porque “para as persoas que traballamos pola cultura, pola tradición e pola lingua é un orgullo que unha persoa da talla de Jorge Mira nos represente”.

O acto de inauguración oficial tivo lugar despois da sesión plenaria, e consistitu no descubrimento da placa que identifica a nova praza. Previamente, o xornalista Santiago Garrido, fixo un resume do extenso currículum de Jorge Mira, que conxuga o seu labor como catedrático na USC con tarefas de investigación que abranguen todas as áreas científicas. Asemade, destaca polo seu traballo como divulgador científico e actualmente é tamén membro da Real Academia Galega. A todo iso hai que engadir unha infinidade de destacados premios.

19 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.