Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Barbanza-Arousa selará o ‘pasaporte peregrino’ da Ruta marítimo-fluvial

Implícase de cheo a Mancomunidade coa Traslatio // A Asociación Galega de Actividades Náuticas involucrará ós turoperadores na promoción do itinerario

Os presidentes da Mancomunidade Barbanza-Arousa, Adolfo Muíños, e da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agustino, asinaron este martes no salón de plenos do Concello de Rianxo un convenio para a potenciación e posta en valor da conmemoración da Traslatio.

No acto tamén participaron José Ramón Romero, alcalde de Boiro; Patricia Lojo, concelleira de Cultura da Pobra do Caramiñal; Ramón Doval, concelleiro de Turismo de Ribeira; Fátima Cachafeiro e Patricia Miralles, xerente e técnica da Mancomunidade, respectivamente; José Manuel Fernández, representante da Asociación Galega de Actividades Náuticas e membros do Clube Náutico de Barraña.

Este convenio é un compromiso de colaboración para a posta en valor da travesía marítima que simboliza o traslado dos restos do Apóstolo a Santiago de Compostela, a denominada Traslatio.

Para este cometido de posicionamento, a Mancomunidade levará a cabo a promoción dese produto nos portos da comarca, para que dispoñan da información do proxecto e das cartillas náuticas que os visitantes poderán selar en cada un dos mesmos.

Mediante o selado nos portos deportivos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Barraña e Cabo de Cruz (Boiro) e Rianxo, os visitantes e peregrinos obterán o diploma acreditativo da Traslatio no Concello de Padrón.

Na comercialización do proxecto participa a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN), que colaborará coa involucración de turoperadores náuticos para a creación de paquetes turísticos e a súa distribución.

O obxectivo é a posta en valor da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla e a atracción de visitantes na realización desta ruta marítima.

Na súa intervención, Adolfo Muíños destacou a importancia do Camiño de Santiago neste territorio por ser a orixe da tradición xacobea, e que é este o único destino no que se pode obter a Compostela por terra e por mar.

FUNDADA EN 1963. A Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla foi fundada por José Luis Sanchez-Agustino López despois da súa presentación na asemblea provincial de turismo da Toxa celebrada en 1963 como ruta turística e de promoción económica. Daquel xerme naceu a actualmente denominada Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, de cuxo patronato forman parte os concelos de Boiro, Cambados, Catoira, Dodro, Meaño, Meis, O Grove, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

o DIPLOMA. En calquera destes concellos entrégase a cartilla náutica e, unha vez debidamente selada, outorgarase o diploma da Traslatio, que se pode recoller na oficina de Turismo de Padrón ou no albergue municipal de peregrinos da localidade.

de pedras negras a iria flavia
Cartilla de navegación

1 Que é a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla? É o primeiro dos Camiños Xacobeos, e o único do mundo que se realiza nunha travesía marítimo-fluvial. Conmemora a traslación dos restos do Apóstolo a Compostela, no século un, dende Jaffa, en Palestina, ata Iria Flavia, en Padrón.

2 Cal é o traxecto? O punto de partida sitúase no porto deportivo de Pedras Negras, en San Vicente do Mar, ou no porto barbanzán de Ribeira. Como punto de chegada establécese o porto fluvial do río Ulla en Padrón.

3 Que requisitos se esixen? Nos portos de saída e nos municipios que forman parte da Fundación facilitarase a cartilla de navegación, que expide o Club Náutico de San Vicente do Mar. Nos portos de saída de Pedras Negras ou de Ribeira, obrigatoriamente colocarase o primeiro selo, tras a acreditación de tripulantes e embarcación. O navegante deberá obter polo menos dous selos máis dalgún dos portos dos concellos que se ubiquen nas marxes da ría ou do río (un da ribeira norte e outro da ribeira sur).

04 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.