Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CAMPAÑAS DE NADAL. A Pobra repartirá sesenta mil rascas con 664 premios valorados en 15.000 €, sendo a estrela unha viaxe familiar a Eurodisney // Ribeira pon en circulación 5.000 € en bonos, e Boiro 3.000, un deles de 1.000 // Nas tres localidades participan este ano 335 establecementos comerciais TEXTO Suso Souto

Barbanza sortea este Nadal 23.000 euros en vales e agasallos

Chega o Nadal e, con el, as tradicionais campañas comerciais que organizan concellos e patronais en apoio do comercio de proximidade. E este ano, na comarca do Barbanza póñense en xogo un total de 23.000 €, entre vales de compra e agasallos.

Na Pobra, o Concello, a plataforma de comercio electrónico DEAN.shop e a patronal aliáronse para lanzar a terceira edición da campaña Raña e Gaña coa colaboración das empresas Congalsa, Jealsa, Grupo Roig e Conservas Ramón Franco. Repartiranse máis de 60.000 rascas que agochan 664 agasallos directos por un importe aproximado de 15.000 euros. O agasallo estrela é unha viaxe familiar a Eurodisney que patrocina Congalsa.

As tarxetas distribuiranse en 55 establecementos comerciais e de servizos da localidade, que contarán cun distintivo, entre os días 3 de decembro e 5 de xaneiro, ambos incluídos. Participan negocios de distinta natureza que son o reflexo da listaxe heteroxénea de obsequios.

Por cada dez euros de compra entregarase unha tarxeta, que pode presentar a lenda “Grazas por apoiar o comercio local” ou resultar premiada e especificar o agasallo e a tenda onde se debe recoller.

No caso concreto das contribucións das empresas colaboradoras, será preciso achegarse ata a oficina de turismo situada na Casa Mariñeira, onde o persoal municipal se encargará da xestión ao permaneceren os artigos alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas. O prazo para recoller os premios será ata o día 28 de febreiro.

En Boiro, a campaña organizada pola patronal comeza este venres e prolongarase ata o oito de xaneiro.

Os clientes deberán rexistrar os seus tickets ou facturas de compra na web www.abe.gal para participar no sorteo de 3.000 euros en bonos, que se poderán gastar en calquera das 200 empresas asociadas.

Dita contía divídese nun premio de 1.000 euros e dez de 200 euros.

O sorteo terá lugar o luns nove de xaneiro. Ademais, os clientes que rexistren os seus tickets ou facturas tamén na mesma páxina web acumularán puntos para cambiar por agasallos do novo catálogo de premios da patronal boirense. Con cada ticket rexistrado o cliente consegue o 10 % do importe en puntos, que se van acumulando na súa conta. Cando chega aos necesarios para conseguir un agasallo, só ten que contactar coa ABE para recollelo.

E en Ribeira son xa oitenta os establecementos comerciais adheridos á campaña da Asociación de Empresarios e que abarcan os máis diversos sectores: moda, deportes, complementos, zapaterías, perruquerías, decoración, seguros, talleres e venta de vehículos, ferreterías, restauración, hostalería, etcétera.

A campaña ribeirense terá lugar dende este venres ata o seis de xaneiro. En total están en xogo 5.000 euros en vales de compra, repartidos en 51 premios: tres vales de 300 euros; seis vales de 250 euros; dez vales de 100 euros; e trinta e dous vales de 50 euros. Cada establecemento comercial colaborador obsequiará aos seus clientes cun boleto por cada dez euros de compra.

delegribeira@elcorreogallego.es

01 dic 2022 / 18:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.