Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Barcos tradicionais únense hoxe para honrar a Rosalía

Gamelas, galeóns, dornas, un volanteiro, unha buceta, un carocho e un bote de Ribadeo remontarán o Ulla e o Sar

Embarcacións tradicionais de todo o país uniranse hoxe para participar na novena edición da Inchadiña branca vela, nunha nova homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. O encontro o organizan de xeito conxunto a Fundación que leva o nome da poetisa e a A.C. Dorna de Arousa, coa colaboración dos concellos de Padrón, Catoira, Dodro e Valga.

Os chamativos barcos que subirán o Ulla e Sar chegarán das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ribadeo, ademais da Guarda. Trátase de gamelas, galeóns, un volanteiro, unha buceta, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo. O percorrido será o habitual: subirán ás 15.00 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón.

Tralo acto na estatua, a continuación, sobre ás 19.00 horas, haberá un concerto do grupo portugués Canto d’Aqui na Praza de Macías, como peche das Converxencias Galicia-Portugal.

Ademais dos alcaldes dos concellos participantes e os membros da Fundación, tamén formarán parte da tripulación a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a deputada de Lingua da mesma institución, María Ortega. E é que ás xentes do mar únense tamén representantes do mundo cultural e político neste novo acto de honra á poetisa galega máis universal.

HISTORIA. Segundo explican desde a Fundación, esta actividade, que se celebrou por primeira vez no ano 2013 para conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, e xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en Cantares falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo.

En concreto refírense a esta estrofa: “Que inchadiña branca vela antre os millos corre soa, misteriosa pura estrela! Dille o vento en torno dela: Palomiña, ¡voa!, ¡voa!”.

24 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.