Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Organízaa o Club International Trekkers e celebrarase os días 25 e 26 de xuño // Trátase dunha andaina de carácter non competitivo e unha duración de 24 horas // Discorrerá polos atractivos turísticos dos concellos da comarca TEXTO Marta Torres

Beleza e esixencia na proba dos 100 quilómetros do Barbanza

Despois de dous anos en branco por mor da pandemia, a proba de ultrafondo Os 100 dos International Trekkers que transcorre polas localidades de Barbanza e Noia volverá a celebrarse o vindeiro 25 e 26 de xuño. Consolidada como un clásico na súa modalidade, esta será a sétima edición da carreira, que desta xeira terá ao concello de Lousame como anfitrión.

A proba deportiva, que abrangue os sete concellos (Lousame, Noia, A Pobra, Ribeira, Boiro, Rianxo e Porto do Son), foi presentada este mércores na casa da cultura lousamiá.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, que recibiu o Dorsal 001 da carreira, felicitou á organización e mostrouse “encantada” de que este maratón deportivo comece e remate en Lousame.

Os 100 do Barbanza está organizada polo histórico Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar e colaboran os sete concellos polos que discorre, ademais da mancomunidade Arousa Norte. Trátase dunha proba deportiva que pertence á Copa Galega de Andainas da Federación Galega de Montañismo e “un referente a nivel nacional”, salientou o presidente do club organizador, Francisco Alcalde. Conta ademais con participantes de diferentes partes do mundo como Brasil, Uruguai ou Australia.

A proba, considerada a máis esixente das realizadas ata agora, consiste en camiñar ou correr un percorrido sinalizado e balizado de 100 km por sendeiros, camiños, pistas e corredoiras polos sete concellos polos que discorre en menos de 24 horas. “Busca percorrer os lugares senlleiros da xeografía da comarca, ademais de pór en valor os aspectos turísticos e gastronómicos da comarca”, explicou o director técnico da andaina, Xabier Boullón. Os participantes só fan breves paradas nos avituallamentos, polo que están en marcha constantemente.

Nas últimas edicións participaron case 300 persoas e remataron un 80 % delas, o que amosa o nivel de desafío que supón esta proba, unha das más duras do circuíto galego e español. Os primeiros en alcanzar a meta utilizaron arredor de 12 horas; logo un rosario de participantes foron chegando ata o último, que o completaron xusto en 24 horas.

A subida acumulada desta edición é de 3.000 metros, un dos máis esixentes, e contan con que os primeiros corredores cheguen tamén nun tempo de arredor de 12 horas. “Sen embargo o que fai especial esta proba é que non é competitiva. O máximo premio está en chegar; é unha competición contra un mesmo”, sinalan dende a organización de Os 100 do Barbanza.

Xabier Boullón tamén detallou o itinerario que seguirán os participantes atravesando lugares emblemáticos dende castros, como o de Baroña, pasando por petróglifos coma a Pedra da Serpe e praias coma a da Aguieira. Tamén terán a oportunidade de percorrer lugares de interese cultural, ao pasar pola antiga Fábrica de papel de Domingo Fontán de Lousame ou a igrexa de San Vicente, entre outros moitos.

O prazo de inscrición abrirase o próximo luns, 28 de febreiro, na web itrekkers.org e conta cun máximo de 300 prazas. O custo da inscrición é de 55 euros ata final de abril, e logo terán un prezo de 75 €.

Segundo apuntaron dende o club organizador, os participantes estarán xeolocalizados e ao longo dos 100 km de percorrido, haberá 10 avituallamentos ademais dun equipo médico e ambulancia. Como novidade, esta edición contará co asesoramento dun experto deportivo.

24 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.