Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bergantiños dispón de once quilómetros de sendas para os peóns e ciclistas

As de Serantes e Soesto, no municipio de Laxe, serán conectadas cun novo itinerario // O investimento na zona supera os 5 millóns

A comarca de Bergantiños dispón de 11 dos 200 quilómetros de sendas peonís e ciclistas promovidas pola Xunta en toda Galicia cun investimento que supera os 50 millóns de euros. A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso, Malpica, Cabana e Laxe son algúns dos concellos que contan con estes itinerarios deseñados para reforzar a seguridade viaria e, ao mesmo tempo, fomentar unha mobilidade máis sostible e saudable.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou este luns, na compaña do alcalde de Laxe, José Luis Pérez, dúas das últimas sendas construídas nas parroquias laxenses de Serantes e Soesto, as cales, a petición do goberno local, serán conectadas por un novo itinerario, para o cal contratarán a redacción do proxecto nesta primavera.

Executáronse ao longo da antiga traza da estrada autonómica AC-433 e xa as usan os veciños nos seus desprazamentos cotiáns a pé “beneficiándose dunha mobilidade máis cómoda, segura e saudable”, subliñou a conselleira.

A senda de Soesto, de uso compartido por peóns e ciclistas non deportivos, une os lugares de Arrueiro e Castrelo ao longo dun trazado duns seiscentos metros de lonxitude. Executouse no treito máis urbanizado, pola marxe esquerda da vía, coincidindo co treito que normalmente empregan a veciñanza e os visitantes para ir á praia.

Pola súa banda, a de Serantes ten unha lonxitude de 720 metros e discorre pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Proporciónalle aos vecinos un itinerario seguro cara á igrexa de Santa María de Serantes e ao cemiterio.

Ethel Vázquez destacou que son sendas construídas en formigón de cor terriza natural “perfectamente integradas e adaptadas para minimizar o seu impacto na contorna”. Ademais, engadiu, acometéronse outras actuacións complementarias para a recollida de augas pluviais, pequenos muros de formigón armado de contención e o retranqueo de postes de telecomunicacións e electricidade para evitar así os obstáculos no tránsito de peóns.

O alcalde, José Luis Pérez, destacou a importancia da “cooperación entre institucións para avanzar cara unhas mellores condicións de mobilidade e seguridade que repercutan na calidade de vida da nosa veciñanza”.

A conselleira lembrou ademais que a Xunta investiu 200.000 euros no reforzo do firme da AC-434, ao seu paso por Traba, e que está redactando o proxecto da nova depuradora do referido núcleo.

14 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.