Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bloggers de viaxes descobren a beleza dos concellos do GDR

Eva Abal inaugurará as visitas este mércores e o seguinte será un especialista gastronómico

As redes sociais son hoxe un dos medios predilectos para facer promoción. O seu uso abrangue todo tipo de idades e perfís, o que as converte nunha vía perfecta para chegar ao público obxectivo. Con ánimo de dar a coñecer turisticamente os nove concellos que forma parte do GDR Ulla Tambre Mandeo; a asociación impulsa por segundo ano consecutivo o programa Camiños da Auga. Unha iniciativa que está financiada pola Deputación da Coruña e o Plan Leader.

A través deste proxecto, seis blogueiros especializados en viaxes visitarán nas vindeiras semanas os municipios do GDR: Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado dos Monxes, Toques, Touro e Vilasantar. Eva Abal, creadora de Una idea, un viaje, vai ser este mércores a blogueira que inagure este ano os Camiños de Auga. Finalista nos premios IATI 2020 como mellor blog de viaxes revelación e colaboradora de revistas como Conde Nast Travel ou o programa Quen anda aí? da Televisión de Galicia, o seu cometido será o de promocionar algunhas das once rutas de sendeirismo homologadas existentes no territorio. Arranca, en concreto, en Vilasantar.

Tocaralle logo a quenda a Alberto Ribas, autor dos blogs Al vientooo e Máis Grelos, o que lle valeu ser nominado como mellor blogger de viaxes na última edición dos premios Escapada Rural. Especializado en gastronomía, o queixo de Arzúa, o mel, os melindres melidenses ou o galo piñeiro do Pino centrarán a súa atención, ademais do Camiño de Santiago.

Os road trips vanlles servir de guión aos dous seguintes blogueiros. Na semana do San Xoán, Carmen Delia Díaz percorrerá co seu blog Escapalandia, o de maior repercusión para público familiar en Galicia, a Ruta ao Volante do Tambre. A Ruta do Ulla, farana Isaac Martín e Paula Bello. A súa bitácora, Chavetas, atópase entre os 15 blogs viaxeiros con máis tráfico de España. Por último, a xornalista Silvia Viqueira, creadora de Antonautas na Iagosfera, recompilará as moitas razóns polas que paga a pena desprazarse ata o territorio do GDR. As visitas serán reflectidas nas redes e nos blogs.

07 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.