Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boiro converterá o ‘Edén’ de Goiáns en aula verde dun obradoiro forestal

Vinte alumnos dun taller de emprego farán as prácticas entre as máis de corenta especies arbóreas distintas que rodean o pazo // O curso prolongarase ata xullo

O Concello de Boiro vai levar a cabo nos vindeiros meses un obradoiro dual de emprego en xestión forestal denominado Torre Goiáns. A presentación do curso, no que participan un total de vinte alumnos e alumnas, tivo lugar no Centro de Formación e Viveiro de Empresas do polígono de Espiñeira e contou coa presenza dos concelleiros de Medio Ambiente, Raúl Treus, e de Promoción Económica, Carlos Rodríguez.

A formación que se vai impartir está dividida en dúas modalidades, con dez alumnos cada unha. Unha delas é de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e a outra versará sobre repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

O obradoiro vaise celebrar ata o vindeiro mes de xullo e o alumnado contará cun contrato de traballo para a formación e aprendizaxe a tempo completo, de corenta horas semanais, durante un período de 9 meses, en horario de 07.30 a 15.30 horas.

“Este obradoiro é unha oportunidade laboral e formativa moi boa, para aprender destrezas e habilidades e lograr unha oportunidade laboral no sector“, afirmou o concelleiro de Promoción Económica na súa intervención durante a apertura.

A parte práctica da formación vaise realizar en espazos naturais do municipio, como por exemplo a finca do emblemático Pazo de Goiáns ou o entorno de Neixón.

CORENTA ESPECIES. O enxeñeiro técnico-agrícola José Manuel García Barros catalogou en 2005 corenta especies arbóreas distintas na finca do Pazo de Goiáns: bananeiros, avellanos, piñeiros, carballos, espiños, palmeiras, camelias, froiteiras, bosques de freixos, cipreses (un deles de máis de 60 anos de antigüidade), castiñeiros, etcétera.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus, animou aos participantes nesta iniciativa a sacarlle o máximo rendemento, engadindo que “é un impulso nun sector laboral con moita saída, tanto para traballar en empresas como para emprender e capacitarse profesionalmente nos eidos nos que se incide neste curso”.

O obradoiro de emprego en xestión forestal Torre Goiáns conta co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade, ao abeiro das axudas para os obradoiros duais de emprego da Comunidade autónoma.

comarcas@elcorreogallego.es

Creación de tendas web

··· Pola súa banda, a aula Cemit do centro social de Boiro abriu o prazo de inscrición para os cursos do mes de novembro, que inclúen formación presencial e tamén oferta formativa online. A programación traerá cursos presenciais de retoque de fotos con Gimp, que se vai impartir os días 2, 3 e 4 de novembro de 10.00 a 12.00 horas; administración e destrezas, do 8 ó 11 en horario de 10.00 a 12.00; formación sobre a nube de Google, os días 15, 16 e 17 de 10.00 a 12.00; e deseño gráfico con Inkscape, do 22 ó 25, de 10.00 a 12.00 horas. A formación online contempla os cursos de introdución a Wordpress, que se vai impartir ente as 10.00 e as 12.00 horas do día 8 ó 11; e creación de tendas web, no mesmo horario, do 15 ó 18. As inscricións poden facerse chamando ao tf. 981 842 635.

16 oct 2021 / 16:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.