Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boiro instalará na piscina unha caldeira de biomasa

Substituirá á de gas, moi antiga e de baixo rendemento // Coa reforma dos vestiarios rematará a modernización do complexo

O Concello de Boiro vén de recibir unha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para levar a cabo proxectos de enerxías renovables térmicas. A actuación que o executivo local pretende levar a cabo consiste na instalación dunha caldeira de biomasa para o complexo da piscina municipal, ubicada na zona de A Cachada.

O obxecto destas axudas é apoiar aquelas iniciativas con fins de aforro enerxético e fomentar o uso racional das enerxías renovables coa instalación de elementos para xerar enerxía térmica mediante equipamentos que empreguen a bioamasa como combustible e outras instalación de enerxías renovables que empreguen como fonte de enerxía a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica.

Con esta actuación está prevista a retirada da caldeira da gas existente, que é moi antiga e de baixo rendemento, para instalar un sistema de biomasa (pellets) de carga automática, cun depósito de dous mil litros de capacidade para a almacenaxe da enerxía que xera a caldeira.

Esta actuación súmase ás importantes melloras levadas a cabo no complexo da piscina e o pavillón de A Cachada dende o inicio da pandemia, que incluíron a eliminación de infiltracións, dotación de novo equipamento, pintado, renovación da instalación eléctrica e de alumeado, melloras no ximnasio ou a instalación dunha grada adicional.

Unhas obras nas que se levan investido aproximadamente uns 500.000 euros e que terán continuidade nas vindeiras semanas co inicio da reforma dos vestiarios (ya adxudicada) por 300.000 €.

Para a execución deste proxecto, o Concello de Boiro recibe unha subvención da Xunta de Galicia, a través do Instituto Enerxético de Galicia, por importe de 79.546,37 euros, mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Por outra banda, o alumnado traballador participante no obradoiro de emprego en xestión forestal Torre Goiáns dispón xa do vestiario e da maquinaria necesarios para desenvolver as tarefas de formación práctica en espazos naturais, como é a finca do histórico Pazo de Goiáns.

A formación deste obradoiro está dividida en dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Os alumnos e alumnas participantes reciben formación específica en xestión forestal, teórica e práctica, á vez que se forman en competencias xenéricas no desenvolvemento de habilidades e busca de emprego.

O alumnado traballador dispón xa do vestiario específico e equipos de protección individual, así como a maquinaria e ferramenta necesarias para poder comezar coa formación práctica das titulacións, que se vai levar a cabo na contorna da finca do Pazo de Goiáns e noutros espazos naturais do termo municipal.

O Concello de Boiro desenvolve o obradoiro de emprego en xestión forestal Torre Goiáns, no que participan un total de vinte alumnos e alumnas, divididos nas dúas modalidades, e que conta co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade.

delegribeira@elcorreogallego.es

31 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.