Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Varios expertos promocionarán os días 24, 25 e 28, con charlas e catas, os caldos das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia // O Pazo de Goiáns acollerá o Túnel do Viño, no que terá especial protagonismo o de Barbanza-Iria TEXTO Suso Souto

Boiro, Rianxo e Valga reúnen a quince adegas das catro IXP

O asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o seu cultivo serán os temas centrais das xornadas divulgativas que se celebrarán en Valga e Rianxo os vindeiros días 24 e 25 deste mes de maio. E o sábado 28 terá lugar no Pazo de Goiáns (Boiro) o Túnel do Viño, no que profesionais da hostalería e público xeral poderán coñecer os viños da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terra de Barbanza-Iria e das outras tres que existen en Galicia. Ese mesmo día, celebrarase un acto institucional de apoio e promoción de dita indicación no que participarán varios representantes da administración pública.

Seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e quince adegas das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de viños de Galicia xuntan os seus esforzos neste proxecto de cooperación para dinamizar o sector vitivinícola e contribuír á súa consolidación e ó seu crecemento futuro.

A asistencia ás xornadas é gratuíta e as prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente a través da web viños.ixp.gal.

Dentro do proxecto de cooperación Viños das IXP de Galicia, que percorre todo o territorio galego, celebraranse durante unha semana unha serie de eventos destinados a coñecer e impulsar os viños que se elaboran baixo as catro Indicacións Xeográficas Protexidas que existen en Galicia. Trátase de viños de calidade, auténticos e diversos que manteñen valores artesanais con arraigamento histórico e empregan materias primas naturais coidadas por produtores locais. De aí o lema da campaña que acompaña o proxecto: Viños que falan de nós.

As xornadas divulgativas estarán centradas no asociacionismo do sector e na recuperación de terras para o cultivo, polo que as protagonistas serán as quince adegas que colaboran no mencionado proxecto.

O NOVO MARCO NORMATIVO. A primeira cita terá lugar o martes 24 no Centro de Interpretación da Caña de Valga a partir das 18.30 horas. A inauguración correrá a cargo dos alcaldes de Valga, José María Bello, e de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, e do director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos Corral (quen disertará a continuación sobre o novo marco normativo da calidade alimentaria en Galicia). Xosé Manuel Fernández Castro (da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural) falará das implicacións da Lei da Cadea Alimentaria para as adegas das IXP de Viños de Galicia. Asimesmo, presentaranse as conclusións do taller sobre asociacionismo das IXP e as implicacións normativas, e despois haberá unha degustación de viño da zona a cargo da adega Torres Augusti.

APROVEITAMENTO DA TERRA. A seguinte cita será o mércores 25 no auditorio de Rianxo. Será inaugurada ás 17.30 polo alcalde, Adolfo Muíños; Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural (quen disertará logo sobre a Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia); e Francisca Gago, da xerencia do GDR Deloa. A continuación haberá un faladoiro sobre o aproveitamento de terras para a viticultura na IXP Barbanza-Iria e unha degustación de viño da zona a cargo de Cazapitas, Adega Entre os Ríos e Bodegas Antonio Saborido.

E o sábado 28, o boirense Pazo de Goiáns acollerá dende o mediodía unha mostra dos viños das IXP. Haberá catas comentadas para profesionais (17.00 horas) e abertas ó público (18.30 horas), poñendo o foco nos da IXP Terra de Barbanza-Iria.

delegribeira@elcorreogallego.es

19 may 2022 / 20:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.