Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Este mesmo mes aparecían grandes cantidades desta planta exótica invasora, ata o de agora descoñecida, nas praias do Barbanza // Adega demándalle á Xunta e ao goberno do Estado que tomen medidas contra esta ameaza TEXTO Claudina Estévez

Boiro, Ribeira e Porto do Son, afectados polo xacinto de auga

A problemática das plantas exóticas invasoras afecta a moitos concellos galegos, e entre eles, pode detectarse nalgúns da área compostelá. Así o indican desde a organización ecoloxista Adega, entidade que alerta sobre unha incipiente expansión do xacinto de auga, unha planta exótica invasora que actualmente está a proliferar en numerosas praias das Rías Baixas, á vez que está a pór en perigo as zonas húmidas galegas, como poder ser as lagoas das Cachadas, en Sanxenxo, ou o rego de Trabe, ubicado en Culleredo.

Segundo Adega, nas últimas semanas está a ser frecuente o seu rexistro en zonas litorais e praias dos concellos de Boiro, Ribeira e Porto do Son. De feito este mesmo mes aparecían nas praias do Barbanza grandes cantidades desta especie vexetal, ata o de agora descoñecida. Tamén se atopaban en Vilaboa, Vigo e O Grove. Incluso se teñen rexistros do xacinto de auga nos areais do arquipélago das Illas Cíes.

Adega condena a introdución presuntamente deliberada de especies invasoras no medio natural e reclama ás administracións públicas competentes na Xunta e no Estado que se ateñan ao disposto polo artigo 8, do Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras: “As comunidades autónomas (...) e a Administración Xeral do Estado, no marco das súas competencias, realizarán o seguimento xeral das especies exóticas con potencial invasor”, e engade, no seu artigo 9 de medidas urxentes, que “no caso de constatarse a existencia dunha ameaza grave producida pola aparición dunha especie exótica invasora, incluída ou non no catálogo (...) aplicaranse de forma urxente, por parte das comunidades autónomas (...) e a Administración Xeral do Estado (...) as medidas necesarias para o seguimento, control e posible erradicación da citada especie”. As toneladas desta planta que están a aparecer nos areais galegos poderían mesmo invadir regatos próximos ou ser transportados a xardíns e novas zonas húmidas.

Así pois, dende Adega instan á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado a que tomen cando menos as seguintes medidas: a eliminación inmediata das poboacións do xacinto acuático, tanto da barreira das Cachadas en Sanxenxo como das outras poboacións detectadas, en especial a do rego de Trabe en Culleredo. Tamén piden a revisión bimestral de todos os puntos onde se teñan detectado xacintos acuáticos, mesmo se houbo eliminacións (por exemplo en varias lagoas do concello de Sanxenxo) na procura de eventuais poboacións desta planta invasora; e instan a que se investigue a procedencia dos xacintos acuáticos, sexa unha empresa comercializadora ou particulares, coa preceptiva depuración de responsabilidades.

PERIGOSA. Segundo figura no informe do Grupo de Especialistas en Especies Invasoras da Unión Internacional pola Conservación da Natureza (IUCN/GISD, polas súas siglas en inglés), o xacinto acuático é unha das 100 especies invasoras máis perigosas do mundo, detectada xa en cincuenta países dos cinco continentes. É unha planta vascular de orixe sudamericana, con crecemento moi rápido, con poboacións que se duplican en tan só doce días e que chegan a tapar a luz solar no fondo de zonas húmidas, diminuíndo a concentración de osíxeno e reducindo a diversidade de especies.

Na Península Ibérica infesta cursos de auga en Portugal, así como ríos en Extremadura e Andalucía.

MÁIS DATOS
A miúdo pasa desapercibido

··· No Estado español está prohibida a súa comercialización desde o 2011, e dous anos despois incluíuse no Catálogo español de especies exóticas invasoras. Preto de Galicia, o Cávado atópase parcialmente afectado por esta praga. Os ríos ibéricos aos que prexudica o xacinto acuático son obxecto de mapeo e de eliminación dentro do proxecto Life Invasaqua.

··· O xacinto acuático é a miúdo unha planta discreta, e moitos dos seus núcleos están a pasar desapercibidos. Desde Adega agradecen ás persoas observadoras da natureza que introduzan as súas cintas de xacinto nas plataformas de ciencia cidadá para poder facer un seguimento rigoroso da actual problemática.

··· Desde Adega indican que en Sanxenxo houbo unha introdución deliberada da planta. Os veráns calorosos de 2021 e de 2022, “deberon facilitar o crecemento dos propágulos que non se puideron eliminar derivando a día de hoxe nunha faixa de xacinto acuático moi preocupante na barreira das Cachadas”, explican desde a organización ecoloxista.

20 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.