Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boqueixón creará sendas peonís e aposta polo LED

Reducirase a contaminación lumínica // Ampliaranse os viarios xa existentes e nalgúns casos hai cesións da veciñanza

O Concello de Boqueixón vai investir case 4,7 millóns de euros na modernización do seu alumeamento público con tecnoloxía LED e na creación de 17 quilómetros de sendas peonís. “Con estas inversións melloraremos a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, tanto polo aforro en custes enerxéticos como polo incremento dos itinerarios peonís de cara a conseguir uns hábitos de vida máis saudables”, explica o alcalde, Manuel Fernández Munín.

Dous investimentos que se farán realidade nos próximos meses, toda vez que o Concello de Boqueixón vén de recibir a confirmación da concesión de dúas subvencións do programa DUS 5000 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico por 3.913.640 euros. O goberno local complementará esta subvención cunha achega de 773.760 euros procedentes de fondos propios. Neste senso, Manuel Fernández Munín destacou “a importancia destas actuacións, que se farán posible grazas aos esforzos feitos por todos nos últimos anos e que nos permitirán facer fronte aos máis de 700.000 euros que terá que aportar o Concello”. Así, o Concello de Boqueixón levará a cabo a modernización da súa rede de alumeamento público mediante un sistema de telexestión e a substitución das luminarias coa incorporación da tecnoloxía LED. Esta inversión supón un desembolso de 1.698.400 €, dos que o Concello aportará 254.760 euros.

Con esta actuación, o goberno local pretende reducir a contaminación lumínica e ambiental, así como aforrar en custes ante a suba dos prezos da enerxía, mediante a substitución da totalidade dos puntos de luz de alumeamento público por un sistema LED máis eficiente. Actualmente, os núcleos de O Forte, Camporrapado, Ponte Ledesma e Ardesende xa dispoñen desta tecnoloxía LED na súa rede. O proxecto irá asemade acompañado dun sistema de telexestión que permitirá un control directo sobre as luminarias.

SENDAS PEONÍS. Por outra banda, dentro do mesmo programa DUS 5000 confirmouse a aprobación dun proxecto por importe de 2.989.000 euros, dos cales o Concello aportará case 519.000 euros, para a execución de once actuacións, que suporán a creación de 17 quilómetros de sendas peonís en distintos puntos do municipio boqueixonés.

A partir deste momento, o Concello ten que redactar os proxectos nos que se definirán os itinerarios concretos das sendas. O rexedor da vila explica que “a execución das sendas peonís supón a ampliación de viarios xa existentes e, nalgúns casos, a cesión por parte da veciñanza para que se poidan executar esas ampliacións. Nos próximos meses redactaranse os proxectos e iremos presentándollos aos veciños e veciñas”, indicou.

Serán en definitiva inversións coas que a veciñanza gañará en calidade de vida e que supoñen un avance para o municipio.

27 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.