Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boqueixón destinará un millón dos seus fondos a investimento municipal

O pleno aprobou unha modificación de crédito para acometer dez proxectos, entre eles o novo parque infantil de Lestedo

O pleno de Boqueixón, reunido o mércores de forma extraordinaria, acordou aprobar unha modificación de crédito de 928.659,08 euros con cargo ao remanente líquido de Tesourería. Un investimento que permitirá acometer dez proxectos “que responden ás necesidades e peticións dos veciños de Boqueixón, como o novo parque infantil no Campo da Festa de Lestedo, un programa de sinalización de todo o concello ou o aglomerado das estradas de Casalpegito á Moa e de Ardarís a Rubial, entre outras actuacións”, explicou o alcalde, Manuel Fernández.

A modificación de crédito aprobouse cos votos do grupo de goberno e a abstención da oposición municipal. De feito, o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias, adiantou que “esta é a primeira modificación, que suporá un investimento de 1.116.000 € en Boqueixón, pero que non será a última, porque en xullo imos traer unha segunda para poder acometer actuacións procedentes de subvencións conseguidas e ás que agora temos que dotar das achegas municipais”.

As actuacións máis importantes son a mellora con aglomerado do viario das pistas de Casalpegito á Moa (224.462,82 euros) e de Ardarís a Rubial (174.893,19 euros). Así mesmo, destinaranse outros 91.593,37 euros á construción dun novo parque infantil no Campo da Festa de Lestedo. Manuel Fernández Munín explica que “a mellora deste parque é unha demanda que temos da veciñanza de Lestedo e finalmente decidimos retirar o que hai e facer un novo parque infantil nunha zona onde a poboación está medrando”. Ademais, adiantou un investimento de 57.676,14 euros para melloras nos parques infantís das escolas de Lestedo e Camporrapado, que incluirán o cambio do solo e a mellora de xogos.

Por outra banda, Boqueixón destinará 261.947,56 euros á realización dun plan de sinalización de núcleos de todo o municipio. A maiores, este programa de investimentos inclúe tamén a achega municipal para proxectos que conseguiron financiamento por parte da Xunta de Galicia, como os 30.000 euros para a mellora dos viarios perimetrais do polígono de Camporrapado (proxecto de 150.000 euros dos que a Xunta aporta 120.000 euros) ou os 13.353,85 euros para a realización dunha senda en Rubial, que se sumarán aos 15.000 euros achegados polo Xacobeo “para acometer o tramo dende a renovada praza de Rubial para garantir a seguridade dos peregrinos e veciños que transitan por esta zona”, apuntou o alcalde, Manuel Fernández Munín.

Tamén se financiará con cargo ao remanente a achega municipal (11.189 €) para o investimento de 64.473 euros dentro do Plan Agader de mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas.

25 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.